Sábado. 26.09.2020
El tiempo

O Comité de Ferroatlántica avisa aos alcaldes que non se fíen da prensa

O Comité de Ferroatlántica avisa aos alcaldes que non se fíen da prensa
Imaxe dunha concentracion do Comite de Ferroatlantica-Foto-Juan Louro Imaxe dunha concentracion do Comite de Ferroatlantica que se repetirá este venres ás portas da fábrica de Brens ás 18:30h-Foto-Juan Louro

Esta mañá de mércores 25 de xaneiro, tivo lugar na Casa do Concello de Dumbría, una reunión entre os alcaldes da comarca e o comité de empresa de Ferroatlántica. Unha reunión que tiña obxecto de informar sobre a situación actual dun conflito laboral que leva máis de 3 meses nun pico de efervescencia.

Desta volta foi unha sesión informativa por parte do Comité para explicar aos alcaldes da comarca a situación real na que se atopa o conflito, e para analizar certas novas que saen na prensa, como unha que sinalaba a semana pasada que unha empresa canadiense ten avanzadas as negociacións para comprar as centrais hidroeléctricas. “Ás veces se din cousas na prensa que non son verídicas”, recoñecen alcaldes e sindicalistas, destacando que non saben se é certo que hai negociacións coa empresa canadiense, pero que dende logo, “non temos negociación ningunha entre comité e empresa, como intentan trasladar dende a prensa”.

O Comité informou dos fracasos que está a recoller Ferroatlántica no seu intento de conseguir o apoio dos comités dos distintos centros de traballo do estado ao seu ilegal plan industrial. Lembran ademais que non hai ningún plan industrial enriba da mesa e por iso piden aos alcaldes “que non se fien da empresa que manipulan a situación a través dos medios, porque non están negociando con nós, nin hai plan industrial ningún”, destacan.

Solicitarase unha reunión coa Consellaría

Neste contexto, o Comité vai solicitar unha reunión coa Consellaría de Industria para coñecer que hai de certo nos supostos contactos que Brookfield (o presunto fondo de inversións interesado en adquirir as centrais) tería mantido coa administración galega, se houbo movementos a nivel administrativo por parte de Ferroatlántica e cal é a resposta da Xunta, tendo en conta que no seu momento asegurou que non autorizará a desvinculación das actividades enerxética e de ferroaliaxes.

Unidade, e loita

Concentracion Ferroatlantica

Un dos alcaldes máis comprometidos desta batalla é José Manuel Pequeño. O rexedor dumbriés quere resaltar “a unidade como garantía de que estamos no bo camiño. Unidade co fin único de que non se vendan as centrais porque é un activo fundamental para as fábricas de ferroaliaxes”. Nese sentido destaca “o que fumos capaces de conseguir, que a Xunta de Galicia se comprometese coa loita”.

Nese sentido, valora con relativo optimismo que “é certo que vai pasando o tempo e non hai novidades, e a xente na rúa e nós temos a sensacións de que é difícil que se vendan as centrais”. Pero lembra que “hai que estar ollo avizor, que ninguén levante o pé, nin a sociedade, nin os políticos nin os sindicatos, porque estes teñen capacidade para andar facendo cousas por detrás”. “Si que estamos pendentes”, sentenza o alcalde, lembrando a vindeira cita na rúa.

Máis mobilizacións

Previamente, o Comité e as centrais sindicais mantiveron unha reunión na que se acordou o calendario de mobilizacións para o mes de febreiro. Deste xeito, a concentración convocada para este venres 27 de xaneiro, seguiranlle outras dúas os días 10 e 24 de febreiro. Como é habitual, as protestas serán ás 18:30 horas diante da fábrica de Brens.

A partir de aí, se a empresa teima na súa intención de vender as centrais, avanzarase na convocatoria de folga.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

comentarios