Mércores. 11.12.2019
El tiempo

Pequeño Castro: “Ferroatlántica, unha historia de crecemento económico… e de desastre ambiental”

Pequeño Castro: “Ferroatlántica, unha historia de crecemento económico… e de desastre ambiental”
Tubos das centrais hidroelectricas do encoro de Santa Uxia do Ezaro Tubos das centrais hidroeléctricas do encoro de Santa Uxia do Ezaro Non hai moito que falabamos con Pequeño Castro sobre a situación do caso Ferroatlántica. Pasan as semanas e a posición do alcalde e do Concello dumbriés parecen máis e máis comprometidas, ante o gran perigo que supón a segregación das actividades de produción hidroeléctrica das centrais do río Xallas da produción de ferroaliaxes das fábricas de Cee e Dumbría. Hoxe, o alcalde dumbriés que falar en clave de pasado, e faino con dureza sobre as cousas tremendamente negativas que fixo a empresa durante tantos antos na nosa comarca.

”Ferroatlántica; unha mirada desde o esquecemento. Ferroatlántica; lembrando para entender”

Para entender as verdadeiras repercusións e as implicacións da intención de Ferroatlántica de vender as hidroeléctricas da Costa da Morte hai que mirar cara atrás e deterse, só así se poderá comprender o alcance da ferida que se pode infrinxir a toda unha comarca. Esta é unha historia de compromisos, de concesións, de crecemento económico, pero tamén é unha historia de desastre ambiental, de enfermidades e de morte. As actividades de enerxía eléctrica e de ferroaleacións na comarca da Costa da Morte formaron desde as súas orixes unha unidade produtiva única, como queda constatado nas continuas concesións administrativas. A primeira concesión data de 1900 e foi outorgada á Sociedade Hidroeléctrica do Pindo para derivar un caudal de augas do río Xallas co fin de fornecer enerxía á fábrica de ferroaleacións de Brens (Cee), aproveitando a enerxía xerada polo salto do Pindo en Ézaro. Posteriormente outras concesións como as do salto de Santa Uxía, o de Fervenza, o de Carantoña ou o de Ponte Olveira pasaron a mans do grupo Ferroatlántica, que na actualidade ostenta todo o aproveitamento eléctrico do Xallas. Pero este percorrido empresarial entrelázase con outras realidades que comprometen a todo un pobo, como a construción do encoro de Santa Uxia, coa oposición dos veciños que viron as súas terras alagadas e a auga practicamente ás portas das súas casas; ou o prezo que houbo que pagar polos túneles de O Brazal, que percorren 10 duros quilómetros a costa da silicose de centos de traballadores; moitos deles xa non poden contalo, pero aínda son moitos os que lembran as protestas do 68 polas enfermidades ocasionadas por esta industria; ou o desastre ecolóxico que provocou a sobreexplotación do río Xallas, que non funciona como un sistema fluvial natural mais que no inverno, con todo o que isto leva a nivel ambiental. Non sen razón a indignación invade a nosa comarca, ao coñecer as intencións dunha empresa que non repara en deixar orfa a unha poboación; porque despois de todo isto, o legado que nos deixaría Ferroatlántica sería a devastación dunha contorna natural incomparable e a ruína dos máis desfavorecidos. Por agora parece que as negociacións aínda non son oficiais, e que formamos unha fronte común os traballadores do grupo na comarca, os concellos, a Xunta e os grupos parlamentarios na oposición, pero facéndome eco dunha noticia publicada na prensa de onte “Ferroatlántica pisa o acelerador na súa presión para lograr que a Xunta autorice modi car esa concesión e así achandar a venda das hidroeléctricas” sáltanme todas as alarmas e por iso fago fincapé na necesidade de non ceder; espero que a administración non esqueza as condicións sine qua non a que está suxeita esta empresa, que son ben coñecidas e que imposibilitan a legalidade da pretendida disgregación.
  • José Manuel Pequeño Castro, Alcalde de Dumbría.
 

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios