As traballadoras do SAF de Camariñas manifestan a necesidade de reestruturar este servizo sanitario básico
Este mécores 21 de agosto, as traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar de Camariñas sacaron as súas reivindicacións á rúa, realizando unha manifestación dende o peirao ata a Casa do Concello.
As 26 traballadoras do SAF camariñán, apoiadas pola UGT e pola súa delegada sindical Diana Touriñán Figueroa, percorreron a vila berrándo arengas como "menos palabras e máis feitos”, “nós comprimos, a empresa non”, ”empresa que non cumpre, rescisión”, en clara alusión á falta de compromiso negociador da empresa, e a parálise municipal paera solventar o problema.
Porque os salarios das traballadoras seguen sen ser actualizados conforme ao que establece o seu convenio colectivo, dende o ano 2023, tal como xa denunciaron publicamente en febreiro. Pero o asunto segue enquistado. A empresa négase a actualizar as táboas salariais e cumplir o convenio argumentando que "o prezo do contrato inicial ao non contemplar revisión ninguna". Mentres, o Concello non dá lanzado unha nova licitación o que provoca que o asunto se vaia manter cunha nova prórroga da concesión ata xuño 2025.
De feito, o asunto xa pasou polo pleno o pasado 31 de xullo, O Goberno municipal do PSOE presentaba unha moción para rescindir o contrato e presentar un novo pliego de contratación para o SAF, pero ante a intención manifestada polo grupo municipal do PP de absterse, e pese aque o BNG manifestara que a ía apoiar, o Goberno municipal decidiu retirar dita proposta "ao non haber consenso”.
Mentres, a lista de espera de novos usuarios segue ampliándose, as traballadoras levan gastado o seu tempo e cartos en demandas xudiciais, e avisando de que as mobilizacións continuarán, deixando claro que elas son “reféns e sufridoras dun litixio entre o Concello e a empresa”.
Así se manifestaron esta mañá as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Camariñas por unha actualización dos seus soldos. @UGT_Galicia pic.twitter.com/2fAolVsx0Y
— Quepasanacosta (@quepasanacosta) August 21, 2024
Un problema das administracións
O caso de Camariñas é clara demostración de que persisten os problemas no seo dun servizo tan necesario como o SAF. Cómpre lembrar que na comarca xa houbo problemas en concellos como Malpica, Muxía, Carballo, Ponteceso, Cabana, Vimianzo..., que demostra a clara a necesidade de que as administracións tomen cartas no asunto.
Falamos dun servizo prioritario para a saúde dos nosos maiores, que ademais medra cada ano debido ao envellecemento da poboación. O seu alto custe e o seu complicado financiamento (arredor do 60% corre a cargo da Xunta, pero os Concellos teñen que sufragan arredor dun 20% que en casos como o de Carballo supón case 300.000€) fai que as concesións a empresas privadas, e sobre todo a falta de actualización dos contratos (moitos concellos optan pola prórroga de contratos sen actualizar as necesidades e os aumentos dos soldos das traballadoras) acaban convertíndose en trampas para manter un servizo digno.