Carballo celebra 30 anos de irmandade con L ́Isle-Jourdain na vila francesa
Unha comitiva carballesa de 20 persoas desprazouse a L ́Isle-Jourdain esta fin de semana para asinar o acordo de renovación da irmandade entre os dous municipios. Unha Irmandade que cumple 30 anos, pois foi en novembro de 1994 cando se asinaba en L ́Isle-Jourdain o acordo de irmandade entre a vila gala e Carballo.
A expedición coincidiu, ao igual que hai tres décadas, coa feira de San Martiño, cita anual moi celebrada no municipio francés e a súa contorna
A comitiva carballesa gozou dunha guiada á casa-museo de Claude Augé, ao Museo Europeo de Arte Campanario e á granxa ecolóxica de asnos de Embazac
A xente máis nova puido experimentar unha intensa xornada de inmersión nos institutos de secundaria da localidade
Ao acto, presidido polo alcalde lilois, Francis Idrac, acompañado de membros do comité de irmanamento francés que preside Jean-Marc Delpeyroux, asistiron unha vintena de persoas da nosa localidade entre as que se atopaban: a presidenta do Comité Carballés, Ana Cancela; o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de cultura e festas, Maruxa Suárez e o concelleiro de contratación, xuventude, feiras e mercados, Ramón Varela.
Ana Cancela destacou o traballo que realizan ambos comités para manter viva a irmandade entre as dúas localidades mentres que o rexedor carballés afirmou que actos como os deste irmanamento “ tamén fan Europa: a Europa dos pobos”.
Ademais do acto oficial, no que ambos alcaldes asinaron o acordo de continuidade dunha das irmandades máis dinámicas e vivas de Galicia e a Occitania, a comitiva carballesa gozou dunha inmersión total na cultura do Gers.
A mocidade carballesa asistiu a unha xornada escolar no Collège de Le Clos Fleuri e o Collège de Fezensaguet. Así mesmo, alumnos e alumnas lilois de secundaria recibiron unha clase de introdución ao galego implementada pola profesora Carme Pardiño, acompañada da presidenta do Comité carballés, Ana Cancela.
Con motivo da Feira anual do San Martiño, as rúas lilois vestíronse de artesáns, comerciantes chegados de diferentes partes de Francia e, por suposto, gastronomía do Gers. Carballeses, familias de acollida e representantes compartiron un xantar típico da rexión no stand dos novos agricultures.
Foron días intensos de intercambio que se completaron con varias visitas guiadas á casa do lilois Claude Augé, creador do Pequeno dicionario ilustrado Larousse, e ao Museo Europeo de Arte Campanaria onde os carballeses se deleitaron cun micro-concerto con carillón. A escasos quilómetros do centro da vila visitouse a Granxa de asnos de Embazac, un interesante proxecto rural dedicada principalmente á elaboración de cosmética bio a partir do leite das asnas e ao turismo rural.
Unha vez máis o Comité Carballés destaca a inclusión interxeneracional desta irmandande na que as relacións humanas son o motor para seguir dándolle continuidade.