Carballo dá o primeiro paso para a elaboración do plan especial de protección de Razo
08:06 09/05/17
Praia Pedra do Sal, Razo. Imaxe: Turismo Carballo
A Xunta de Goberno Local de Carballo deu onte o primeiro paso, coa aprobación do expediente de contratación da redacción do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados - Razo -, e en breve iniciarase tamén o procedemento de licitación do plan correspondente á zona de Baldaio. Este foi un paso que quedou pendente de darse na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal - PXOM - que entrou en vigor o ano pasado.
O obxectivo do plan especial de Arnados é a ordenación integral dunha superficie de 312.811 metros cadrados, que se corresponde co solo rústico existente entre o núcleo de Razo da Costa ata o monte Peados, aproximadamente. Por unha banda, o documento ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral - POL - para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais. Pero ademais de garantir a protección, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Neste sentido, o estudo servirá para delimitar as áreas susceptibles de acoller, por exemplo, aparcamentos, actividades deportivas, instalacións turísticas compatibles ou accesos ás praias. O obxectivo do concello de Carballo é que de forma simultánea se realice tamén un estudo de detalle da fachada litoral de Arnados.
O proceso de elaboración do plan especial é complexo, tanto polo exhaustivo do seu contido como pola propia tramitación administrativa. O procedemento será semellante ao de elaboración do PXOM, xa que require informe de avaliación ambiental, informes sectoriais das Administracións competentes, aprobación inicial, período de exposición e alegacións, etc... O concello de Carballo establece para a redacción do plan un máximo de 25 meses, ao longo dos cales terán especial importancia os procesos de participación e información pública.
Novas relacionadas
- 26-02-16: O PXOM de Carballo xa está vixente dende hoxe
- 05-02-16: O PXOM de Carballo xa é unha realidade.
- 25-11-15: Carballo aproba o PXOM tras once anos de tramitación
- 16-11-15: O PXOM de Carballo podería aprobarse defintivamente antes de final de ano
- 27-10-15: O PXOM de Carballo dá un paso adiante.
- 07-07-15: A Xunta envía novas subsanacións para o PXOM de Carballo
- 12-03-15: Carballo acometerá mínimos retoques ao PXOM.
- 06-02-15: O Concello de Carballo ratifica que o PXOM conta con todos os informes de Augas de Galicia.
- 03-02-15: Carballo aprobou por unanimidade 30 quilos de de PXOM.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo