Martes. 19.03.2024
El tiempo

O Carballo Interplay sumérxese na internet máis feminista, divertida e disidente

Estirando Chicle no Carballo Interplay
Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) gravarán dende o Interplay o seu podcast Estirando chicle
O Carballo Interplay sumérxese na internet máis feminista, divertida e disidente

Seguimos repasando algúns dos contidos que encherán a edición híbrida deste VII Carballo Interplay. Do 18, 19, 20 e 21 de novembro Carballo convertirase na capital global da produción audiovisual na rede, con espectáculos e ponencias que se poderán ver in situ e por streaming.

En clave de música teremos a Verto, pero teremos moitas cousas, por exemplo a proposta cómica da amesá afincada en Madrid Lorena Iglesias, unha actriz, guionista e youtuber marxinal que participa en programas de radio e colabora en eventos feministas e que desenvolve na Academia de Cinema a serie Millennials mal. Trae a Carballo o seu Necroshow, un show de humor semanal dunha hora de duración con vídeos, música urbana en vivo, ASMR e stand-up que saca o seu nome dunha frase de Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, sobre a exhumación de Franco.

Outra actividade será a visita do podcast semanal Carolina Iglesias e Victoria Martín, Estirando el chicle. Carolina Iglesias, coñecida na rede como Percebesygrelos, é unha guionista, cómica e presentadora coruñesa que se deu a coñecer no Chat de Operación Triunfo e colaborando en Yu (Los 40) e La Hora Yutuber de Vodafone Yu.

Lorena Iglesias, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) ofrecerán os seus shows o venres 20 pola tarde e o sábado 21 pola mañá falarán con Sara García, máis coñecida como PennyJay, sobre por que custa asumir que as mulleres son tan graciosas coma os homes.

Para completar a serie de disidencia feminista, Anna Pacheco e Andrea Gumes traen o seu Radio Primavera Sound, entrevistando a Brays Efe. O actor, coñecido polo seu papel protagonista en Paquita Salas, móvese como peixe na auga entre o underground e o mainstream.

Tamén estará no Interplay a directora de Radio Primavera Sound, Marta Salicrú, unha xornalista musical con 15 anos de experiencia que participou como relatora en eventos internacionais da industria musical como Eurosonic Noorderslag (ESNS), Primavera Pro, M for Montreal and MIL ou Lisbon International Music Network e que en Carballo conversará sobre a importancia de impulsar e manter na rede unha radio feminista, diversa, aberta e disidente.

As mulleres nos videoxogos

O Interplay tamén quere demostrar que a industria do videoxogo ten que medrar en termos de igualdade. Marina Amores, “Blissy”, directora da serie documental Nerfeadas, que aborda desde distintos ámbitos a cuestión do machismo na industria do videoxogo, e Minia “Samku” Monteagudo, comentarista e divulgadora de eSports, falarán sobre isto o xoves 19 pola mañá, nunha conversa por streaming especialmente pensada para os centros de Educación Secundaria.
Aqueles ou aquelas docentes que estean interesadas en que o seu alumnado participe nesta actividade, poden contactar coa organización do festival a través do correo-e [email protected].

Novas relacionadas

Comentarios