Luns. 22.04.2019
El tiempo

Carballo Interplay, ou o epicentro mundial dos contidos dixitais

Sonia Mendez e Xose Regueira na Estrea do Carballo Interplay 2019
Sonia Mendez e Xose Regueira na Estrea do Carballo Interplay 2019
Carballo Interplay, ou o epicentro mundial dos contidos dixitais

Xa temos a pleno rendemento o Festival de Carballo Interplay. Esa cita que convirte a Carballo na capital mundial dos Contidos Dixitais. De feito, as canles do festival xa están emitindo en directo en streaming as máis que interesantes charlas da categoría Zona PRO.

O festival estreaba as citas no Pazo da Cultura onte mércores, coa presentación do traballo realizado durante o Campamento Kamikaze, esa convivencia de creación extrema no campamento de Razo, que colle o relevo do premiado “Dinosaurio”.

Presentacion da miniserie do Kamikaze do Carballo Interplay-DavidTombilla_-67

Queda agora por diante un espectacular Programa que repasamos aquí:

Xoves de conferencias e proxeccións

Ao longo da mañá e da primeira parte da tarde do xoves terán lugar no Pazo unha serie de paneis reflexionando sobre redes sociais, influencers e o mundo dixital.

Ás 17:30h comezan as proxeccións das webseries da sección oficial: Antolepsia, A Partida, As cousas do Choio, As cores da lus do mundo, Cativos na cociña, Mondo Nando ou Rural Horror Storis. Comedia, documental, thriller, videoblog e terror fantástico compoñen este menú degustación do que se está a facer agora mesmo no país, dentro da ficción seriada para internet.

Xa ás 19h30, competirán polo Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega do Carballo Interplay a comedia Válgame Deus! dirixida por Rubén Rodríguez e protagonizada por David Perdomo; a serie futurista Amnesia das novísimas Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin; a resposta ás fake news que propón A mafia da verdade, de Cristina Moreira; e a historia do peculiar millenial Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo. Farano nun pitching público, perante o xurado formado por Sandra Lesta, Nati Juncal, Enrique Lojo e Xosé Regueira.

E despois, ás 21h, o auditorio do Pazo de Cultura carballés acollerá a proxección dos tres primeiros capítulos “Sígueme”, a webserie impulsada por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da USC baixo a dirección de Nuria Cancela que obtivo o premio ao mellor proxecto na pasada edición. Sígueme conta a historia dunha psicóloga que leva a cabo unha terapia experimental e está protagonizada por Paula Cereixo, acompañada por actores e actrices tan coñecidos e recoñecidos como Antonio Mourelos, María Costas, Xosé Barato ou Monti Castiñeiras.

A noite do xoves pecharase co show do padriño do Interplay, David Sainz -autor e protagonista de Mambo e de Malviviendo- que volve ao festival co seu último proxecto, a gravación ao vivo do podcast e videoblog Jirafas, que presenta man a man co humorista Juan Amodeo en Youtube e en Playz (RTVE) e que, en Carballo contará coa colaboración do cómico David Suárez e do guionista Enrique Lojo.

Venres completo

A mañá do vernes, o Pazo ateigarase de rapazada que coñecerá o papel das mulleres na industria dos videoxogos e que poderá conversar con algúns e algunhas das youtubers e instagramers que protagonizan a explosión de creatividade que se ten producido o último ano na rede galega.

Marcos López é o creador de Tele Jaita, unha das canles máis populares do Youtube en galego, que colleitou máis de 22 mil subscritores a base de dobrar vídeos;
Miguel Silva Conde é Aquel-e, un dos creadores de Youtube en galego máis populares do último ano. Gañador do premio [email protected] 2018 ao mellor vídeo-opinarmos.
Laura Cruxeiras é unha creadora do Barbanza gañou cun grupo de amigas o concurso [email protected] 2017 coa súa canle “Corasón de churrasco” e que triunfa nas redes co dúo Branca e Tinta facendo cancións, humor e reivindicación feminista;
e Juan Gimel ten máis de 7.200 seguidores na súa canle de YouTube, 11.000 en Instagram ou 2.200 en Facebook grazas aos seus vídeos de humor, parodias e chistes. Seguramente o coñecestes xa hai uns anos cando se fixo viral o seu vídeo “Ghañán Style”, parodia do vídeo máis popular da historia de YouTube.

Despois compartirá experiencias Isabel Cano. deseñadora, ilustradora e profesora de desenvolvemento de videoxogos, deseño multimedia e robótica.

De seguido, continúan as proxeccións de series da Sección Oficial, antes do Preestrea Flooxer “Terror y Feria”. Con Benja de la Rosa e de Sandra Escacena.

Gala da noite do venres

Xa ás 21:00h as prostagonistas serán o dúo poético-musical composto por Lucía Aldao e María Lado, as AldaoLado, que ofrecerán o seu Código Fonte Audiovisual, titulado “Autopoética en Liña”. Unha ocasión de coñecer todos os seus referentes.

A cómicas arxentinas Malena Pichot e Charo López presentan mañá venres pola noite no Interplay Hermostra, un show de humor feminista con trazas de musical fallido que chega por primeira vez a Galicia despois de arrasar nos teatros das principais cidades do Estado. Estes dous monólogos feitos de reflexións que a maioría das persoas prefire evitar serán, sen dúbida, un dos platos fortes da sexta edición do Carballo Interplay que hoxe xoves congregou na vila a directivos das principas distribuidoras e creadoras de contidos dixitais do Estado. Hermostra é a proba das contradicións humanas, un espectáculo terceiromundista interrompido por todas as publicidades que sosteñen o status quo que Charo e Malena, mulleres absolutamente referenciais para o humor feminista global, queren derrubar.

A asistencia ao show é gratuíta e as entradas pódense retirar, dende as 21h30, na billeteira do Pazo de Cultura de Carballo.

Cartel do Carballo Interplay 2019

Novas relacionadas

Comentarios