‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez, gaña o Premio do Público do FIOT33, que contou con 12.000 asistentes
Toca facer da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT, consolidado como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo, contou con preto de 12.000 asistentes ao longo de cinco semanas de programación, con 37 espectáculos, 56 funcións e máis de 20 actividades de mediación e promoción das artes escénicas, das que se celebraron un total de 200 sesións.
Outra das notas destacadas é a máxima satisfacción do público, pois o programa de Sala acadou unha puntuación global de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media das diferentes liñas de programación do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados. Cabe destacar a grande acollida non só do Programa de Sala, senón tamén de outras liñas de programación como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións.
Así, a organización destaca a alta participación e a conexión do público en todas as propostas do festival, xa fosen espectáculos, encontros e todo tipo de actividades. Pode constatarse o interese da audiencia do FIOT polas propostas máis contemporáneas e arriscadas. Este 2024, o FIOT consolidouse como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo.
Casting Lear, Premio do Público
O espectáculo Casting Lear, de Andrea Jiménez, alzouse co Premio do Público do FIOT. A obra, producida por Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de La Abadía, foi a peza mellor valorada polos espectadores neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5 (unha das notas máis altas do Premio do Público na historia do FIOT). A moi curta distancia quedou IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo o segundo lugar, cunha puntuación de 4,81 sobre 5. A porcentaxe de ocupación de sala foi dun 93,3%.
Pola súa banda, Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada, tamén, polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.
Panorámica
A Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, quere transmitir a todos os públicos un sentido agradecemento polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos: “aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respeto a un proxecto ambicioso, riguroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustenatamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.
Pasaron por Carballo dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participaron no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegou ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal... do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresou durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentrou 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Máis novas do FIOT