Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Curruncho Pop sae do confinamento cun programa espectacular

curruncho_pop_2022
curruncho_pop_2022
O Curruncho Pop sae do confinamento cun programa espectacular

Tras dous anos agochado (só se puido celebrar o primeiro dos concertos programados en 2020 pola irrupción da pandemia), volve con máis forza que nunca o Curruncho Pop. O programa que enche de música o auditorio da Biblioteca Rego da Balsa para quecer motores de cara unha activa primavera.

Seis concertos (programados ás 20:30h, pensando nas familias) e tres presentacións literarias (ás 19:30h) enchen o cartel do 2022, que arrinca xa este sábado.

29 DE XANEIRO
O Curruncho Pop arrincará xa este sábado con Jamie Perrett, que estará no auditorio da biblio aproveitando a súa xira en solitario por España. Este artista británico comezou a súa traxectoria musical sendo parte do grupo de Babyshambles, de Peter Doherty. Ademais, as súas cancións amosan gran influencia da música do seu pai, Peter Perrett (The Only Ones).

5 DE MARZO
O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presentará o libro ‘Townes Van Zandt. La eternidad en una canción’, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano.
A continuación, Hendrik Roever (Del-Tonos) e Óscar Avendaño (Siniestro Total) farán un percorrido musical pola obra do lendario compositor americano.

26 DE MARZO
Luis Lapuente e David Moreu falarán da historia do soul nun percorrido monográfico de dous escritores que teñen publicado unha ampla bibliografía sobre o tema.
De seguido actuará Huguette Periscal, unha das voces máis destacadas da escena musical carballesa. Cun rexistro que por momentos nos lembra a Aretha Franklin ou Janis Joplin, conta cunha traxectoria en diferentes bandas como Dude, Sonseis ou o seu proxecto actual, o dúo Quercus Blues. 
Pechará a banda coruñesa Madame Bird, integrada por músicos de amplo percorrido musical e nas artes escénicas, con Carla de Figueredo á voz.

7 DE MAIO
Desnortadas é unha proposta poético-musical que xorde do último poemario da autora carballesa Rosalía Fernández Rial, Desnortada (Espiral Maior, 2021), que desta volta inclúe un cd con varios dos poemas musicados pola autora, acompañada pola virtuosa acordeonista asturiana María Álvarez Santiago (Maraya Zydeco), considerada como unha das mellores de Europa.

21 DE MAIO
Magín Blanco é un compositor, guitarrista e cantante galego moi coñecido polo público cativo. En Carballo estará acompañado polo músico, xornalista e escritor ourensán Carlos Rego para presentar o libro Magín Blanco. O camiño da luz, que fai un percorrido biográfico pola particular carreira deste músico.

4 DE XUÑO
Diego Vasallo é un intérprete, compositor e letrista pop, que foi explorando diferentes estilos ao longo da súa carreira (techno, rock, bossa nova, jazz...). É, ademais, pintor e poeta. Coñecido pola formar parte da mítica banda Duncan Dhu, tamén tivo unha ampla carreira en solitario desde os 90.

Entradas

O aforo do auditorio da Biblioteca Rego da Balsa é reducido, así que debes reservar praza no teléfono 981 758 580 se queres asistir (máximo, catro pases por persoa). A entrada, coma sempre, será de balde. 
 

Comentarios