Sábado. 20.04.2024
El tiempo

“O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas”

  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro e os seus abonos e entradas estarán dispoñibles proximamente a través da web oficial www.fiot.gal.
20220914 Presentación FIOT31 © Vane Rábade 1
Foto de familia do FIOT durante a presentación da 31ª edición. Foto: Vane Rábade
“O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas”

Xa está aquí a 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, FIOT. Onte tiña lugar a presentación no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo sendo o director do FIOT, Alberto Sueiro, o encargado de dar a coñecer a programación. “O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas”, sinalou. E arredor desa filosía de xerar comunidade, Sueiro destacou a aposta deste ano pola inclusión, incorporando dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos.

Son un total de 39 espectáculos, entre as que teremos 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións, as que poderemos disfrutar entre o 30 de setembro ao 31 de outubro.

Voces como Juan Mayorga, Blanca Portillo, Leo Bassi, Pablo Messiez, Xosé A. Touriñán, Chévere ou Pont Flotant farán as delicias de todos os públicos, dando conta do lema deste ano: #VocesFIOT.

Un dos momentos máis emotivos da presentación foi cando se lembrou, no spot promocional, a Pedro Brandariz, a quen se lle renderá homenaxe na Rúa dos Contos.

Será a Rúa dos Contos unha das liñas de programación do festival, ademais do exquisito Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Metro Cadrado, FIOTeen, Fiotiño e En Paralelo.


 

20220914 Presentación FIOT31 © Vane Rábade 4
 © Vane Rábade

Apoio á industria galega

O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI.

Programa de Sala

Ademais de Leo Bassi, teremos a oportunidade de ver a Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.

Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).

Rúa dos Contos en homenaxe

Para render homenaxe a Pedro Brandariz, figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e do noso cabanés Adrián do Regenco.

Teatro de rúa e Metro Cadrado

O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do Certame Metro Cadrado, que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo. 


Outras liñas

Tamén haberá xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, e unha visita do alumando do CEU de Xestión Cultural da Universidade de Santiago.

Á vez, o certame serve como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca de Bergantiños: o teatro chegará aos centros sociais de Verdillo e Ardaña co FIOT en Ruta ou á residencia de maiores de Carballo coa Rúa dos Contos.

O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.


 


 

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios