martes. 18.03.2025
El tiempo

O FIOT, o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024

FIOT publico 2024 copia
Público ateigando o Pazo da Cultura na pasada edición do FIOT. Foto: Vanessa Rábade
O FIOT, o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024

Novo recoñecemento para o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT vén de ser recoñecido polos xestores do Consello da Cultura Galega como o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024. Así o ratifica o seu Barómetro anual, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a 3ª actividade de artes escénicas mellor valorada e o 1º festival de teatro da nosa comunidade. 
O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o 4º mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea.

 

O BARÓMETRO DA CULTURA GALEGA

O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia.

Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%).
Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba... máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.

O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.

En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos de televisión, destaca de forma específica o Dígocho eu da TVG (0,6%). 

As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminais e punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo (1,1%), a obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%) e as compañías Sarabela Teatro (0.7%) e Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.

Máis novas

 

Comentarios