Herminio Angeriz imparte un curso de legalidade empresarial para os usuari@s do Coworking Carballo
Xa non ten parada. O Coworking Carballo xa está a pleno rendemento con 12 usuari@s que apostan por este espazo para desenvolver os seus proxectos empresarias. 12 empredendor@s (quedan 6 prazas dispoñibles) que buscan un lugar de traballo onde aprender cousas novas e xerar sinerxias.
Unha das cousas positivas que ofrece o Coworking é a organización de sesións formativas e para aprender a pelexar coa burocracia.
Como exemplo, esta mesma semana arrincou un curso titulado “Financiamento e aspectos legais para emprendedores”, que imparte o carballés Herminio Angeriz Agrelo, socio fundador de Alea Asesores. Esta acción formativa, de tres xornadas de duración, ten como finalidade achegar aos emprendedores e emprendedoras información sobre liñas de financiamento ás que poden acceder, fiscalidade, cuestións laborais e contabilidade.
Paralelamente, o tamén carballés Andrés Queijo, cofundador de Belanders, despois da charla impartida hai 15 días, está a ofrecer sesións de “mentoring” individualizadas para axudarlles a desenvolver o seu proxecto.
De cara á vindeira semana está prevista tamén unha nova actividade formativa, neste caso sobre marketing dixital.
Como inscribirse
O Coworking Carballo é un espazo de traballo gratuíto que se pon a disposición de novos emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade, que deste xeito dispoñen dun local pero tamén dunha serie de infraestruturas, servizos e actividades que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, é o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, onde tamén poden solicitar máis información as persoas interesadas.
Novas relacionadas
- Primeiras accións formativas dun Coworking de Carballo que xa funciona a pleno rendemento.
- O Coworking Carballo sae á rúa a buscar emprendedores.
- O Coworking de Carballo xa está a disposición de emprendedores ou empresas de nova creación.
- Dezaoito emprendedores ou empresas de nova creación xa poden utilizar o Coworking de Carballo.