Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Unha homenaxe a Manuel Facal, o artista máis internacional de Carballo

Manuel Facal cunha copia do cartel de 1987
Unha homenaxe a Manuel Facal, o artista máis internacional de Carballo

Manuel Facal celebrou este 20 de xuño o seu 80º aniversario. E o Concello de Carballo quixo aproveitar a data para homenaxear ao artista carballés máis internacional.  O alcalde agasallou a Manuel Facal cunha reprodución do cartel que deseñou en 1987 para o Concurso de adquisición de pintura galega, un “agarimo con alto valor sentimental” . Evencio Ferrero lembrou que naquel momento presidía a comisión de Cultura, e lanzou un convite á actual concelleira da área, Maruxa Suárez, para recuperar o certame.

Homenaxe a Manuel Facal

Precisamente a foto de familia de hoxe puido facerse diante dunha obra de Antón Mouzo que ocupa un lugar destacado na Alcaldía e que fora premiada naquela primeira e única edición do certame, no que tamén resultaran gañadores Berta Cáccamo, Álvaro González de la Vega e Cruz Pérez Rubido.

Aínda que é un home de poucas palabras, o artista expresou o seu agradecemento e a “satisfacción polo interese amosado polo Concello cara a miña obra e a miña persoa”.
Facal é un artista con obra plástica nas áreas de gravado, pintura e escultura, cunha traxectoria e oficio de 50 anos. Esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, constituída legalmente en agosto do ano pasado, para o outorgamento dunha subvención nominativa de 12.000 euros co obxectivo de financiar unha serie de actividades que se desenvolverán ata fin de ano, e que, tal como expresou hoxe o alcalde, “agardamos que sexan unha pedra máis neses camiño que hai que percorrer e que agora faremos conxuntamente”.
 

Comentarios