O 16 de abril. Xa hai data para o comezo do Carballo Interplay 2026
Xa está en marcha a 13ª edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay. A cita, organizada polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica, anuncia as datas da súa edición de 2026, que se celebrará do 16 ao 19 de abril, convertendo un ano máis Bergantiños no epicentro estatal das tendencias audiovisuais.
O festival é unha gran referencia no impulso da creación dixital en galego, gracias ao seu compromiso co noso talento, pero é que ademais xa conta cun crecente recoñecemento en todo o Estado. Esta traxectoria vén de ser distinguida co Premio da Crítica de Galicia na categoría Cultura Dixital.
Aposta polos novos talentos
Para esta nova edición volve a convocar os seus premios, concursos, convocatorias para as diferentes categorías que xa están abertas e as persoas interesadas pódense inscribir a través do formulario dispoñible na páxina web:
- Competición Oficial de Series en Formato Curto,
- Premio Creación Dixital Galega e
- Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.
Os premios outorgados na categoría oficial serán á Mellor Serie (800 euros e trofeo), Premio do Xurado Novo (400 euros e trofeo), Premio do Público (400 euros e trofeo) e Premio á Mellor Dirección (200 euros e trofeo). A
Para apoiar proxectos en fase de desenvolvemento, o Carballo Interplay convoca tamén o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, cunha dotación de 3.000 euros destinada ao desenvolvemento do proxecto gañador, aberta a formatos e temáticas variadas pensadas para a difusión en redes como TikTok, YouTube ou Instagram. A inscrición é gratuíta e a data límite para a inscrición é o 29 de marzo de 2026.
No eido da creación nativa dixital, o festival mantén o Premio Creación Dixital Galega, dirixido a proxectos de creación propia e en lingua galega que se difundan en Instagram, TikTok, YouTube ou outras redes e canles. Esta convocatoria contempla dous recoñecementos: Mellor Canle (600 euros e trofeo) e Mellor Creador ou Creadora (600 euros e trofeo). A inscrición é gratuíta e a data límite para a inscrición é o 29 de marzo de 2026.



