mércores. 30.04.2025
El tiempo

"Non confundamos ocio con consumo; non sacrifiquemos a vida por gastar cartos"

Eva Cameán, activista, feminista, presidenta de Senda Nova e libreira carballesa ao fronte de Clarión, na rúa Valle Inclán, en Carballo.
Eva Cameán, activista, feminista, presidenta de Senda Nova e libreira carballesa ao fronte de Clarión, na rúa Valle Inclán, en Carballo.
"Non confundamos ocio con consumo; non sacrifiquemos a vida por gastar cartos"

Nunha conversa con Isabel Pons-Sorolla, socióloga é colaboradora do fanzine decrecemento...

  • Como describirías a situación actual do comercio local en Carballo?

“A especulación inmobiliaria fai case imposible manter un negocio local. En Carballo a perda de negocios locais é unha realidade que compartimos con moitas outras localidades. Aínda que o turismo non é tan determinante aquí como noutros lugares, a especulación inmobiliaria está a ser un gran problema. O custo de aluguer dun local en Carballo é altísimo, unha auténtica barbaridade, e isto é algo que observamos claramente coa gran cantidade de locais baleiros que hai. Incluso en zonas máis afastadas do centro, que son menos comerciais, os prezos seguen sendo moi elevados. Esta situación afecta enormemente ao comercio local, pois iniciar e manter un negocio esixe moitísimos cartos para afrontar estes gastos. O aluguer é un dos maiores gastos que debe asumir un negocio".

  • Como percibes a relación entre os comerciantes locais e a comunidade de Carballo, e que iniciativas de colaboración están en marcha para fortalecer esta relación?

"A organización social e a participación comunitaria é algo intrínseco a todo, tamén no comercio local. A organización e a colaboración entre os negocios penso que son fundamentais. Temos unha asociación de comerciantes con bastantes comercios adheridos, creo que é esencial
compartir ideas e estratexias para xestionar os nosos negocios.
Enfrontamos desafíos como a presión das grandes superficies que queren ampliar horarios e abrir en festivos. Eu penso que non debemos seguir ese camiño; podemos buscar estratexias comúns e tomar decisións conxuntas.
Por exemplo, na miña rúa estamos a utilizar un grupo de WhatsApp para coordinar accións conxuntas, como decidir se abrimos ou non un festivo.
Esta organización e dinamización son moi positivas e creo que deberían aplicarse en todos os ámbitos da vida".

  • Como valoras o impacto das grandes plataformas no comercio local de Carballo e cales son as túas opinións sobre os desafíos que éstas presentan?

"O impacto das grandes plataformas na nosa economía e no noso comercio é, ao meu parecer, moi desleal cos pequenos comercios. Estas plataformas crean unha dinámica de consumo onde podes mercar en calquer momento desde a túa casa, a un clic, e recibir o produto ao día seguinte, baixo condicións miserables para os repartidores e toda a cadea".
Isto xera hábitos nos consumidores que nos afectan directamente. Por exemplo, se eu na miña librería demoro máis de dous días en conseguir un libro, os clientes prefiren pedilo en Amazon que o teñen mañá. Creo que é moi perigoso intentar parecerse a estas grandes superficies, tanto en termos de horarios, como de abrir máis tarde ou en festivos. É importante manter a nosa identidade e non entrar nesa carreira".

  • Como ves a contribución cultural e social do comercio local, e que papel cres que xoga na vida das comunidades locais?

"A contribución cultural e social do comercio local é clave non só a nivel cultural, senón tamén a nivel social e de seguridade. Eu penso que os comercios dan vida aos nosos pobos. Cando pasamos por unha rúa sen establecementos, esas rúas parecen un calexón, e sentímonos máis inseguras. En cambio, se hai cinco, seis ou sete comercios abertos, especialmente con actividades ou hostalería, a sensación de seguridade aumenta. Eu creo que os comercios ofrecen un acompañamento moi importante".

“Moitos comercios, como a nosa librería, non só venden produtos, senón que tamén serven como espazos para acoller actividades sociais e culturais. Facemos presentacións de libros, acollemos recitais, charlas sobre natureza e mesmo actividades como música en directo, no caso da hostalería. Penso que estes actos culturais son unha forma vital de contribuír á vida da comunidade".

  • Que reflexións tes sobre o decrecemento e as prácticas sostibles no contexto do comercio local?"

"Penso que a idea de decrecemento e as prácticas sostibles deberían ser unha forma de diferenciarnos do modelo dominante de 'vivir para
traballar'. Diferenciar o que é a vida persoal de cada unha. A vida persoal e profesional deben estar equilibradas, e creo que non debemos sacrificar a nosa vida persoal ao intentar imitar os grandes modelos de negocios que parecen ignorar completamente as nosas necesidades e as nosas vidas. É importante non esquecer que traballamos para vivir; traballar máis días a semana, máis horas, cun modelo que non e nada positivo para nós... é moi perxudicial".


“O que observo é que se está promovendo un modelo onde o consumo se confunde co ocio. Onde ir de compras, vir cheo de bolsas e gastar cartos se presenta como unha forma de diversión, como pasar un sábado diferente. Este enfoque fomenta a idea de que para pasalo ben necesitas gastar cartos en grandes superficies e acumular produtos innecesarios. Creo que deberíamos centrarnos en separar o consumo do tempo de ocio. Non hai que confundir gastar cartos co ter tempo libre e pasalo ben. Temos que pensar que o tempo de ocio e o benestar non deben depender de consumir ou de facer grandes compras. A miña idea é que debemos recuperar e valorar o tempo libre sen a presión de ter que consumir para ter ocio de calidade. Diferenciar a idea de consumir e ter ocio de calidade e moi necesario".
 

Máis novas de decrecemento

 

Comentarios