xoves. 01.05.2025
El tiempo

O Carballo por Etapas repartirá 940€ en premios

O Carballo por Etapas repartirá 940€ en premios
Reunion do Carballo por etapas Reunión do Carballo por etapas

Os hostaleiros que participan en Carballo por Etapas, a Concelleira de Promoción Económica e Axober pecharon onte o programa de actividades que se desenvolverán os días 27, 28 e 29 de maio e 3, 4 e 5 de xuño, coincidindo coa ruta gastronómica. Os 20 locais participantes repartirán 940 premios directos a través dos “rascas” que recibirá o cliente con cada tapa: gorras, camisetas, tapas, botellas de viño e de vermú, packs de copas de viño... Os agasallos serán un atractivo engadido grazas á colaboración de Grupo Calvo, Bodegas Carballo e Proquiber. Así mesmo, o Concello de Cabana de Bergantiños participa un ano máis coa cesión do tren turístico que percorrerá todos os establecementos.

A ruta de Carballo por Etapas estará definida pola imaxe uniforme dos locais, nos que haberá moqueta de cor laranxa á entrada, como xa é habitual; bandeiríns, panos de mesa, manteis, mandís, cartelería e pratos de barro específicos. Ademais contarán coa animación do grupo de gaitas Charangafolk, que actuará en cada un dos establecementos: A Barra Bar, Cafés A Cafeteira, Cafetería Abastos, Café Bar Embajador, Café Bar Ginebra, Cafetería Habanos 79, Cafetería Xorima, Cervecería Ágora, Cervecería Beos, Cervecería Dublín, Cervecería La Bombonera, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, Restaurante El Hórreo, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Tapería Aturuxo, Tasca O Casino e Trattoria Pizzería Vesuvio.

Os locais participantes elaborarán tapas específicas para o evento que servirán os venres de 20 a 22 horas e os sábados e domingos en horario de 12 a 14 e de 20 a 22. O prezo da tapa será de 1,50 €, e con cada unha entregarase un rasca co que poden conseguirse numerosos premios directos.

Curso de tapas

Previamente, e coa intención de contribuír á mellora da calidade gastronómica dos negocios de restauración e a incrementar a súa oferta gastronómica coa cultura do tapeo, a Concellería de Promoción Económica porá en marcha os días 10 e 11 no Fórum Carballo un curso de elaboración de tapas ao que asistirán os 20 hostaleiros e hostaleiras que participan en Carballo por Etapas. De feito, con esta iniciativa preténdese promocionar a cultura do tapeo dentro da vila, asesorando aos establecementos participantes nos eventos gastronómicos impulsados polo Concello de Carballo, neste caso en colaboración con Axober. Ao mesmo tempo trátase de impulsar novas ideas á cociña tradicional e de achegar aos profesionais coñecementos sobre aspectos relacionados coa mellora da rendibilidade da oferta de tapas e coa mellora da organización e optimización de tempos.

A Escola de Hostalería do Fórum Carballo acollerá as dúas sesións formativas, que se celebrarán de 16 a 19 horas. A primeira, o día 10, estará centrada na presentación e elaboración de tapas, e a segunda, na preparación de tapas baseadas no atún. O monitor do curso será o prestixioso chef Mark Wernink, que despois dunha amplísima experiencia en Paradores e de ter participado en numerosos proxectos internacionais, na actualidade é o chef responsable do Casino da Toxa e colabora constantemente cos mellores cociñeiros de Galicia en accións formativas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Axober.

Comentarios