O pleno de Carballo aprobará a concesión da xestión da auga
Varios temas de actualidade na política municipal carballesa. Comezamos polo pleno de hoxe e seguimos con varias obras do POS e un convenio entre Concello de Carballo e Cáritas.
Pleno de luns
A sesión plenaria extraordinaria do 8 de setembro terá varios temas, entre os que se inclúe a aprobación do "Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo" por 25 anos e un total de 58 millóns e euros.
Así, o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Aquagest, agora Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas.
O expediente de contratación recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. Para saír adiante, debido ao seu importe e complexidade, o contrato deberá contar co apoio da mayoría de todos os membros da corporación (11 votos). Todo despois dun "traballo intenso" dos técnicos municipais.
O pleno tamén debatirá as condicións estéticas do novo edificio do Lidl na Avenida de Bértoa.
Mocións
No apartado de mocións, o PSOE e o PP teñen presentado propostas contraditorias arredor da reforma da Lei electoral (LOREG) que vén de expoñer o Goberno de España. Por parte do grupo socialista, ínstase ao goberno a rexeitar a modificación da LOREG que propón o PP para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. Pola súa banda, o PP pide que se apoie "a reforma da lei electoral e promover a elección directa do Alcalde". No primeiro caso, a moción recibiu o ditame favorable da comisión informativa, mais no segundo o PP non a presentou a tempo para ser abordada na comisión e deberá presentarse directamente no pleno.
Obras do POS
Asinaba o alcalde carballés Evencio Ferrero o pasado venres tres contratos de obras incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2014 (POS), no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes da empresa Construcciones López Cao SL e Ramón Vázquez y Reino SL, adxudicatarias das melloras, que ascenden a máis de 600.000 euros.
Convenio con Cáritas
O comedor social de Cáritas volverá a aproveitar os menús elaborados no Curso de Cociña para desempregados do Fórum. Así o acordaron alcalde e responsable de Cáritas nun protocolo de colaboración entre ambas entidades.
Sempre que o programa formativo do Curso AFD de Cociña que se está a desenvolver no Fórum Carballo o permita, a comida elaborada e preparada a través das prácticas laborais desta acción formativa achegarase a Cáritas para que poidan distribuíla no seu comedor social durante as fins de semana, xa que o catering do comedor tan só traballa de luns a venres. O alumnado do curso elaborará 25 menús para distribuír os sábados e outros tantos para os domingos ata final de ano, período de duración da acción formativa.
Hai que lembrar que este é o segundo ano consecutivo en que se formaliza este acordo, xa que en 2013, e tamén durante a celebración doutra edición do mesmo Curso de Cociña, xa se estiveron beneficiando os usuarios e usuarias do comedor do bo facer nos fogóns do alumnado da acción formativa.
Novas relacionadas
- Carballo facilita a reciclaxe de vidro aos hostaleiros.
- 68 establecimentos de Carballo únense á campaña Ecovidro.
- Cincuenta fogares de Carballo participan no programa de compostaxe caseira.
- Os veciños do municipio de Malpica reciclaron 777 litros de aceite vexetal en 4 meses.
- Aspaber seguirá limpando as rúas de Carballo.
- O Enxeño Galego: O retrete floreiro.
- “Os composteiros caseiros son moi agradecidos, bótaslles residuos e devólvenche compost”.
- Reciclando os aceites domésticos en Corcubión.