Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Obradoiro de Emprego carballés forma en materia de atención

Obradoiro emprego Carballo
O Obradoiro de Emprego carballés forma en materia de atención

Case dous meses despois do inicio da actividade, as 18 alumnas e os 2 alumnos que participan no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” inician as vacacións de Nadal tras completar a primeira fase da formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, achegáronse ata o Fórum Carballo para intercambiar impresións con alumnado e profesorado.

Tanto Iván Andrade coma Evencio Ferrero animaron ás persoas que participan no obradoiro a aproveitar a formación para acadar a inserción laboral, dada a gran demanda de persoal que existe nestes momentos coa titulación que obterán os alumnos e alumnas ao remate do seu período formativo.

O obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” é un proxecto de formación e inserción laboral impulsado dende a concellaría de Innovación, Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, e que permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello de Carballo ten como entidades colaboradoras a Afaber, Aspaber, Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Íntegro e o Centro de Día da Praza de Vigo.

Comentarios