Poesía, deportivismo, memoria fotográfica e moita danza para a axenda carballesa da finde

A gran protagonista da fin de semana en Carballo é a Danza, pero hai moitas máis cousas. Repasamos a axenda
Libros de poesía e Deportivismo
Hoxe xoves hai cita poética en Espiral Maior Foro e mañá venres cita no Casino1998 co deportivismo.
Primavera enDanza
O programa Primavera enDanza trae 3 sesións para esta fin de semana.
Hoxe xoves 27, ás 20:00h no Pazo da Cultura, empeza o ciclo cun faladoiro de Paula Quintas que fará un percorrido histórico pola linguaxe desta arte.
A propia Quintas, bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural, abrirá o ciclo de actuacións o venres 28 de marzo, ás 21:00h, coa estrea absoluta de Aurora Boreal, cuia preparación se está desenvolvendo no propio Pazo como residencia.
O público terá a oportunidade de vivir un momento único, que se presenta como unha metáfora visual e emocional do noso propio paso polo mundo, da man de dúas excelentes creadoras e autoras, Paula Quintas e Rut Balbís. Será o venres 28 de marzo ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo, dirixido a público adulto, é de 50 minutos. O prezo da entrada é de 5€, 3€ con prezo reducido. Colabora a Rede Galega de Teatro e Aditorios.
Xa o sábado chega a Carballo outra proposta galega, da man de Marta Alonso e Sofá. A Marta e a Pablo, que se coñeceron bailando, vanlles máis as tardes de sofá e danza. Esta cita é o sábado 29 de marzo ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo, dirixido a público adulto, é de 70 minutos. O prezo da entrada é de 7€, 4€ con prezo reducido. Colabora a Rede Galega de Teatro e Aditorios.
As entradas para todos os espectáculos están á venda en
“Carballo na memoria”
O proxecto Carballo na memoria toma impulso de novo para seguir recuperando, catalogando e protexendo todo tipo de material fotográfico, audiovisual e mesmo sonoro que forman parte da nosa historia. Para iso invita a veciñanza a rescatar fotos vellas (vídeos ou sons tamén) do caixón da cómoda que leva anos sen abrir e levalas este sábado 29 de marzo á parroquia de Razo. O traballo de recompilación realizarase a partir das 11.00 horas no centro social, e estenderase ao longo do día o tempo que sexa preciso en función das achegas.