Presentan alegacións contra o Parque Eólico Monte Neme

Eran entidades de todo Bergantiños as que o denunciaban a semana pasada. Hoxe é o o BNG o que anuncia que vai presentar alegacións contra o parque eólico do Monte Neme porque provocaría “un dano irreparábel”.
O proxecto promovido por Enel Green Power España afectaría aos concellos de Carballo e Malpica, coa instalación de 4 aereoxeneradores de altura de buxa de 115 m e un diámetro de rotor de 170 m. Serían afectadas as parroquias de Oza, Cances, Leiloio ou Cambre, cun impacto visual tremendo que impediría aproveitar o potencial turístico da zona, e provocaría ruídos de consideración para os habitantes da zona.
O deputado Daniel Pérez e o responsábel comarcal do BNG, Marcos Trigo, insisten en que “é preciso apostar por enerxías renovábeis como a eólica, pero non a calquera prezo”. “No caso do Parque Eólico Monte Neme, o lema #EólicosSiMaisNonAsí cobra máis sentido que nunca”, manifestou Pérez. A autorización deste parque tal e como está proxectado suporía “un dano irreparábel para a zona”, asegurou Marcos Trigo.
Lembran que o proxecto eólico está a exposición pública ata o 22 de abril deste ano, e por exempo, dende Petón do Lobo ofrecen un modelo de alegacións.
A enerxía
Aproveitan dende o BNG para denunciar a situación enerxética do noso país. “A enerxía debe ser considerada como un ben público galego, e os seus beneficios deben repercutir no conxunto do país e nos territorios onde se xera. É imprescindíbel garantir ese retorno”, sinala o deputado Daniel Pérez. “Como potencia produtora de enerxía que somos, é lóxico e imprescindíbel que ese retorno se materialice a través dunha tarifa eléctrica propia que abarate o prezo da enerxía para todos os sectores económicos e para o consumo domiciliario, unha reivindicación na que vimos insistindo desde hai anos e que cobra máis sentido aínda no contexto actual de suba especulativa dos prezos”.
Novas relacionadas
- Denuncian a desfeita eólica que a Xunta preve instalar na zona mineira de Monte Neme.
- O Aquellare na Eiras espantou á meigas do Monte Neme e nomeou a Rosalía Fernández como Meiga Maior.
- Pola recuperación do cromlech do Monte Neme.
- Un libro sobre a desfeita mineira do Monte Neme.
Novas sobre eólicos
- Francisco Santiago López: Maladanza e progreso.
- 4-12-2021: A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos.
- INFORME: O novo impulso eólico propón máis de 40 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.