Queremos Galego reactívase en Bergantiños para "mudar o rumbo do galego"

Durante estas semanas de xaneiro, están a darse lugar os plenarios da plataforma Queremos Galego en todas as comarcas para ir mobilizando á veciñanza de cara á manifestación nacional do 23 de febreiro, Día de Rosalía, que rematará na Praza do Obradoiro de Compostela.
Non faltará a comarca de Bergantiños, que xa ten convocada un plenario comarcal para o vindeiro venres 31 de xaneiro no Casino 1889 de Carballo.
Todas as entidades e persoas que o desexen poden participar nestes plenarios para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por Queremos Galego, para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.
Reactivación da comarcal
O plenario servrá para analizar a situación e repasar a proposta de mínimos e formular accións para esta mobilización, pero a intención tamén é a de reactivar a Plataforma Queremos Galego na comarca. De feito, durante o plenario, farase a elección dos/das encargados/as das labores de coordinación e portavocía da Plataforma para a comarca.
Polo de pronto, e de forma interina, a Plataforma ten como coordinador a Hadrián García, responsable comarcal da Mesa, e como portavoz a Fátima Souto, filóloga galega e membro da CTNL, da Plataforma na Comarca.
As razóns
Para a Plataforma, “a mobilización da sociedade perante a emerxencia lingüística está a obrigar á Xunta a mostrar unha apariencia de revisión da política lingüística dos últimos 15 anos”. O mesmo Hadrián García, recorda que “os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos”, mais tamén que “cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua conseguiu frear a perda de falantes”.
“Non podemos ter ningunha confianza”, lamenta a portavoz da Plataforma Fátima Souto, nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas platformas de TV, xustiza, ou xoguetes, ou que ademais de prohibir nalgunhas materias o uso da nosa lingua fomenta nas outras o uso de materiais didácticos que non teñen nada de galego”. “Un goberno de Xunta”, engade, “que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”.