Mércores. 21.02.2024
El tiempo

A rapazada de Carballo coñece ao Xestal en clave teatral

Galeatro Na Procura do Xestal
A rapazada de Carballo coñece ao Xestal en clave teatral

Máis de 500 nenos e nenas visitarán a Biblioteca Rego da Balsa ao longo desta semana para coñecer a figura do Xestal, no marco do programa do Ano do Xestal, que trata de poñer en valor a figura deste persoeiro tan singular. A compañía carballesa Galeatro dirixe a actividade teatral “Na procura do Xestal”, trata de conseguir que a memoria de Carlos perdure, ao tempo que serve para achegar á rapazada as artes escénicas dun xeito divertido, poñen en valor a tradición oral como patrimonio cultural galego e seguir fomentando o uso do idioma galego na infancia.

Dous grupos do CEIP Bergantiños e un do CEIP Xesús San Luís Romero abriron a quenda de visitas para ver como Alba Bermúdez e Tone Martínez se convirten en Charlie e Charles, dous detectives con avós galegos que actualmente residen en Inglaterra, que chegan a Carballo por encargo do mesmo rei de Inglaterra para buscar a outros Carlos famosos, coma O Xestal…

Ao longo da semana está previsto que pasen polo auditorio da Biblioteca Rego da Balsa máis de 500 alumnos e alumnas de 3º e 4º cursos dos colexios Fogar, A Cristina, Artai, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán, ademais do Bergantiños e o San Luís Romero, que xa se estrearon hoxe. En total,12 grupos de estudantes coa difícil pero divertida misión de afondar na figura de Carlos O Xestal.

Comentarios