Volven criticar o precario servizo de Arriva para a liña Carballo-Coruña
O servizo de autobuses público na Costa da Morte continúa sendo un problema grave. Así o denuncian varias veciñas carballesas que veñen de presentar un escrito de reclamacións contra a empresa ARRIVA por incumprir os horarios e servizos.
A última circunstancia acontecía esta mesma semana. Xa durante o mes pasado houbo protestas porque quedaba moita xente tirada na estación de buses da Coruña pola falta de reforzos. Peronas últimas semanas Arriva estaba mandando reforzos para poder cumprir cos servizos anunciados e non deixar xente na rúa.
Pero esta semana, despois de mercar o billete para o de “Carballo Directo” e facer cola durante media hora (as xentes xa adoitan ir con tempo para non quedar fóra nas horas punta), atopáronse con que o único servizo ofrecido era o lento. Así, as que se atreveron, montaron neses bus que para en Vilarodís, Paiosaco, Laracha… Hora e media de camiño para facer os 35 km que separan ambas estacións.
Todo sen darlle información á xente que esstá facendo cola ata o último segundo, como denuncia unha veciña de Carballo, que relata como enviou un correo de denuncia a Arriva lamentando o grave prexuizo que sofre por decisións como as de quitar o servizo de reforzo sen avisar, e por “ter que ir traballar nun bus suvbenionado cun estrés tremendo”. Na reclamación pide que se lles dea un servizo seguro aos usuarios.
Á resposta de Arriva á usuaria ao correo enviado a [email protected] foi a seguinte: “Por circunstancias ajenas a Arriva hoy no se ha podido poner ese refuerzo. Lamentamos las molestias”.