Carnota fai medrar a semente da historia coas xornadas de Castros a Castelos



Faremos un repaso pola completa II Mostra de Promoción Local de Carnota "Víndemo Ver", así como xa fixemos da Ruta BTT. Pero hoxe a atención centrámola nunhas xornadas de primeira orde. I é que a Mostra serviu para celebrar a presentación das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural é a que promove, co concello, esta aposta por recuperar o noso pasado a base de conferencias e debates, e facendo medrar a semente arqueolóxica sembrada co proxecto da Torre dos Mouros.
Foi a tenente de alcalde e veciña do Pindo, Merche Díaz, a anfitriona do acto, durante o cal saudou á organización deste evento no seu municipio que espera que contribúa, dixo, "a consolidar Carnota coma destino arqueolóxico de referencia dentro e fóra de Galicia", dando asi continuidade a todo o esforzo que desde o municipio se está a facer para a posta en valor do seu patrimonio, coa recuperación de petroglifos, excavación do Castro de Mallou, o Monte Pindo e, sobre todo, a Torre dos Mouros.
Nese senso, Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, indicou que o obxectivo é "que veciños e visitantes non só coñezan senón que poidan entender o verdadeiro significado, obxectivo e funcionalidade desas estructuras antigas que temos sementadas polos montes non só de Carnota senón de toda Galicia."
Por último, Carlos J. Galbán, historiador e coordinador técnico destas Xornadas, presentou o cartel e resumiu a programación, dividida en catro bloques temáticos: Castros e romanización, tardoantigüidade, castelos medievais e a súa destrución, e un bloque último dedicado a Comunicacións, é dicir, que quen queira poida presentar os seus propios traballos e reflexións sobre calquera tema relacionado dos que motivan as xornadas.
Asi mesmo, o venres a programación do Víndemo Ver acollía unha mesa redonda sobre o patrimonio local, co escritor Francisco X. Fernández Naval, o arqueólogo Lukas Santiago, o veciño e neodescubridor da Torre dos Mouros Jordi Tato, e o concelleiro de cultura Iván Franco. Este encontro coa veciñanza interesada nos nosos tesouros patrimoniais serviu para achegar posturas e ideas sobre os retos que o noso patrimonio nos obriga a enfrontar, as potencialidades para facer de Carnota un punto quente da xeografía galega á hora de ver nun só concello toda a evolución histórica que experimentou o noso país ata os nosos días, a través dos restos que nos foi deixando cada etapa.
Fonte e máis información
Novas relacionadas
- Históricas Xornadas “De Castros a Castelos” este verán en Carnota.
- 400 ciclistas tomaron os montes de Carnota nunha nova BTT dominada por Triki.
- Entroido Científico en Carnota.
- Herdeiros pola Forza: O patrimonio volve ás mans da cidadanía.
- Primeira etapa da Torre dos Mouros, un proxecto do pobo.
- Carnota custodia o territorio.
- Especialistas internacionais introducirán a construción ecolóxica na Costa da Morte.
- A Trufa atopada en Laxe.