Carnota preparase para un mes de xuño cargado de actividades culturais e deportivas
08:07 26/05/17
O concello de Carnota vén de dar a coñecer as actividades culturais e deportivas que poñerá en marcha o vindeiro mes de xuño. a cita comeza o día 1 no pavillón da vila, ás 19 horas, coa exhibición das escolas deportivas municipais. O sábado, día 3, terá lugar na zona das Forcada a Ruta Celta BTT; unha proba que percorre a comarca e que pasará esta zona sobre as 10 horas.
Xa o día 9 de xuño, terá lugar ás 20 horas no salón de actos do concello, a presentación da novela "Escapados" da autora mazaricá María del Carmen Rey Núñez. A obra, publicada pola editorial Toxosoutos, está ambientada no monte Pindo nos tempos da Guerra Civil.
O día 6 ábrese o prazo de inscrición para o campamento Aldea de Verán 2017 que se desenvolverá os meses de xullo e agosto e que se dirixe a nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Dentro da programación, inclúese unha segunda presentación literaria. Neste caso será o día 16, e será o turno do libro "Um longo acordar" de Artur Alonso Novelhe. Ese mesmo día, proxectarase a película "Soño dunha noite de San Xoán" a partir das 21 horas na praza de san Gregorio. A continuación haberá unha charla sobre a película da man do seu director - Monolo Gómez - e de Suso Cubeiro.
As actividades rematan o día 21 co festival de fin de curso da escola municipal de música. A cita é ás 19 horas no porto do Pindo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carnota