![Belén do Campo e Ramón Noceda durante a reunión de traballo mantida onte]()
Belén do Campo e Ramón Noceda durante a reunión de traballo mantida onte
Cada vez son máis os concellos da bisbarra os que se pasan a unha iluminación máis eficiente e respectuosa co medio. O último en subirse a esta práctica, foi o de Carnota que puido levalo a cabo grazas ao
canon eólico. Así, a delegada territorial da Xunta na Coruña,
Belén do Campo, e o alcalde de
Carnota,
Ramón Noceda, asinaron onte o documento de conformidade para a concesión dunha subvención a través do Fondo de Compensación Ambiental, que lle permite ao concello beneficiarse do canon eólico. O Goberno galego, a través da vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou a substitución de parte da iluminación do concello e a recuperación dos espazos degradados polos contedores de recollida do lixo cunha achega de
65.615 euros.
Do Campo analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que se utilizaron para a realización de dous proxectos. Por unha banda, renováronse
80 puntos de luz do municipio coa instalación de novas lámpadas máis eficientes, o que permitirá ao concello reducir a factura eléctrica.
Ademais, levouse a cabo a instalación de peches perimetrais de
contedores do lixo (vidro, cartón/papel, de orgánico e minicontedores) co fin de diminuír o seu impacto visual e recuperar o espazo no que se encontran, correspondente ás zonas do Pindo, Panchés, Cornido, Lombáns, Carnota, A Morosa, Mallou, Lira e Lariño.
Segundo a Xunta, estas axudas están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Campo destacou que a Xunta tamén autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Xunta
Novas relacionadas