Xoves. 02.07.2020
El tiempo

Especialistas internacionais introducirán a construción ecolóxica na Costa da Morte

Especialistas internacionais introducirán a construción ecolóxica na Costa da Morte

Bioconstrución. Un concepto que aínda non fixo raíces na nosa bisbarra, pero que co tempo pode chegar a convertirse en toda unha referencia. Temos os vimbios en materia de patrimonio natural. Agora só queda subirnos ao tren que chega da man dos Encontros de Construcción Ecolóxica, celebrados no Centro de FP de Someso na Coruña, con mestres especialistas de toda Europa.

Os participantes nos Encontros celebraron o peche a unha intensa semana de traballo cunha tradicional sardiñada. E o fixeron na nosa bisbarra, concretamente en Caldebarcos. A visita non foi casual, se non que a intención da expedición era a de pulsar o sentir do Concello carnotán para comezar un proxecto. Un proxecto, que parte da Asociación Tríada, e que consistiría na creación dun centro de educación ambiental con criterios de bioconstrución.
A cousa irá pouco a pouco. A segunda parte do curso se celebrará en abril. A partir de aí intentarase xestionar, baseándose en exemplos desenvoltos en Alemaña, a base da colaboración de estudiantes voluntarios de toda Europa, para que participen activamente na construción do centro. I é que "ante a falta de recursos ten que sobrar imaxinación", como nos conta Juan Bello Llorente, Coordinador de actividades de Bioconstrución do CIFP Someso.

Precisamente foi o alcalde de Carnota, Ramón Noceda, o encargado de facer a recepción oficial da delegacion internacional. Noceda manifestou o desexo de traballar man a man a prol dun novo xeito de construír que mellore a calidade de vida da xente sen deteriorar o medio ambiente.
O grupo, deslumbrado pola beleza da nosa costa, fará o posible para comezar a introducir as prácticas ecolóxicas na construción.

Bioconstrución

O uso de materiais naturais e renovables como a madeira, as balas de palla e a terra, os sistemas de aforro de enerxía e auga, os resultados dos test de materiais así como exemplos de construcións que chegan a aforrar até un 90% da enerxía foron obxecto de análise e debate. Con estes encontros dáse así o pistoletazo de saída para a creación dunha rede de colaboracións internacionais que afiance a construción ecolóxica no ensino oficial.

Os Encontros

Os encontros internacionais de bioconstrución, organizados polo CIFP Someso e a Asociación Tríada, contaron co apoio da Consellería de Educación e o programa europeo Leonardo da Vinci. O director xeral de Formación Profesional e Innovación felicitou a iniciativa na súa benvida ao profesorado das escolas da construción de Someso na Coruña, Berlín, Brandenburgo e Letonia, á Universidade Técnica de Berlín e á Escola de Arquitectura da Coruña, remarcando a importancia da FP no fomento do emprego e a loita contra o abandono escolar.

Vindeiros pasos

O grupo de expertos volverá a reunirse en abril para demostrar de maneira práctica sistemas construtivos con estruturas de madeira e balas de palla. En futuras accións preténdese implicar tamén ao alumnado de construción, facilitando a súa mobilidade por Europa e a súa participación en proxectos de obra reais que cumpran esixentes criterios ecolóxicos.

QPC coa ecoloxía

E de paso que traemos esta nova medioambiental, queremos anunciar a vindeira incorporación ao equipo de Firmas QPC. Lorena Martínez Canosa, dende Vimianzo, daranos unha visión ecolóxica da Costa da Morte. Achegaranos contidos en materia medio ambiental, que tanto precisamos para aumentar a conciencia ecolóxica na bisbarra.

A vindeira semana comezaron cun interesante artigo sobre a zona do Trece, en Camarilas.

Novas relacionadas

Denuncias medioambientais

Fonte

comentarios