Martes. 19.03.2024
El tiempo

A falta de permisos para a súa ubicación provoca a cancelación do Asaghieiras Master Festival

A ubicacion do Asaghieiras master Festival en Larino
Imaxe da marabillosa ubicación do Asaghieiras Master Festival que o ano pasado si se puido celebrar no Faro de Lariño
A falta de permisos para a súa ubicación provoca a cancelación do Asaghieiras Master Festival

Volvían o ano pasado a montar o escenario despois de 5 anos de parón para celebrar un máis que fermoso 10º aniversario. Este ano viñan con gran ilusión para armar un Asaghieiras Master Festival máis guerrilleiro que nunca, cunha aposta sen igual polas bandas da comarca. Co cartel pechado, faltaba algo: os permisos para facelos no campo do Faro de Lariño, un espazo marabilloso para albergar un evento coma este.

O ano pasado púidose levar a cabo por un permiso in extremis do Concello carnotán. Pero este ano, o novo goberno municipal non quixo regatear o permiso de Costas e Medio Ambiente, entidades do goberno central que teñen competencia neste lugar. Dende a organización sempre foron conscientes das trabas que se poderían atopar para facelo nun lugar así, onde os problemas coa acústica (para a fauna que habita esta zona protexida como Rede Natura), pero intentaron igualmente solicitar todos os permisos.

Lamentablemente negativa do goberno Central e falta de entendemento entre a organización e o Concello para conseguir unha ubicación alternativa provoca a cancelación definitiva do Festival.

Dende a directiva da ACRD As Aghieira consideran que hai unha “clara falta de interese e vontade política para ter un festival como o Asaghieiras en Carnota”, e consideran “máis que cuestionables” os argumentos dados polo Concello para non aceptar as ubicacións propostas.

”Debemos asumir a nosa completa responsabilidade ante esta situación, xa que a nosa aposta foi errada e non fomos quen de prever as continxencias que a última hora se nos presentaron. Somos unha organización pequena, cuxa ilusión é infinitamente maior á nosa capacidade de traballo. Pero tamén somos conscientes plenamente da falta de interese por parte das institucións na realización dun festival ecoloxista, que aposta polo entorno, pola música galega e local e por un modelo de festa alternativo ao das verbenas con orquestras”, explican dende a organización, ao tempo que lanzan un dardo na súa continua loita contra a ditadura das verbenas que asolaga a nosa comarca. “Unha comisión de festas nunca se vería con este tipo de trabas políticas nun municipio”.

Propuxeron facelo na Lomba de Lariño, onde se fan as festas, “pero aí están utilizando a pista como almacén provisional mentres fan as obras por movemento de terras dos camiños da Gándara”, explica o alcalde Juan Manuel Saborido “Moma”. Propuxeron tamén facelo na pista abandonada ao lado do polideportivo de Lamas de Castelo. “Aí é un polvorín”, explica o alcalde, “porque temos a poda de todo o ano, que nos serve ademais de almacén para o banco de leña… e ademais estamos en tempo de risco de lume, e nos dixeron varios veciños de Pedrafigueira non queren un festival así”.

O alcalde asegura que propuxo “unha ubicación, que podería ademais ter visos de futuro, como é a explanada do porto de Lira, onde as xestións podían ser doadas”, pero a organización desbotou esa posibilidade. ”Fan o cartel antes de ter os permisos”, lamenta o alcalde, que explica que “xa o ano pasado se fixo por silencio administrativo, porque o concello pediu o permisp unha semana antes, e cando responderon xa estaba feito. Eu quero que o Concello actuou en base á legalidade, porque se colaboramos con punto de luz, ambulancia… facémonos partícipes dunha ilegalidade”. “A min gñustame este festival pero non se poden facer as cousas dun día para outro”, valora.

Asaghieiras Master Festival Cancelado

Novas relacionadas

Comentarios