domingo. 10.11.2024
El tiempo

As familias do CEIP O Pindo califican os recortes da Xunta como “violencia institucional”

Protestas CEIP O Pindo contra os recortes ensino
As familias do CEIP O Pindo califican os recortes da Xunta como “violencia institucional”

Mes e medio xa dende que comezou o curso escolar e a demandas das comunidades escolares contra os recortes no ensino público seguen sendo a nota social destacada da Costa da Morte. Esta fin de semana as familias desprazáronse ata Compostela, para participar na manifestación nacional, e tamén celebraron un retranqueiro enterro do Ensino Público en Carnota.

Alí non faltaron as familias do CEIP O Pindo, que protagonizaron a comezos de curso unha das accións de presións máis potentes que recordamos, mantendo unha folga durante 7 días lectivos, nos que tiveron que facer encaixe para deixar aos nenos sen ir á escola.

As familias, despois daquelas protestas tan sonadas, deixaran unha marxe para que a Consellería tomara medidas, tendo en conta que ademais estaban gozando dos servizos dunha Coidadora que atendia de forma prioritaria a un alumno de 4º de Infantil. Unha Coidadora que, malia estar destinada para o IES Lamas de Castelo, puido estar un mes no cole do Pindo ata a reincorporación da crianza ao instituto.

Isto acontecía o pasado 24 de outubro, día dende que o CEIP do Pindo quedou sen Coidadora, a pesar das continuas esixencias da comunidade escolar: as mobilizacións, as peticións da dirección do centro e o equipo docente, os informes técnicos do Equipo de Orientación Específica (E.O.E.) da propia Conselleria onde se xustifica a necesidade de persoal auxiliar coidador e atención de mestres especialistas… A Consellería non xestionou a asignación dunha nova praza de Persoal Auxiliar Coidador, e as familias do Pindo, A Curra, Quilmas, Caldebarcos, Panchés e do Ézaro, saltan de novo á voz pública cun escrito no que denuncian a “violencia institucional” da Consellería.

A crianza de 4º de Infantil segue necesitando Coidadora a tempo completo, así como todo o grupo de Infantil, e a súa familia ten que desprazarse o vindeiro 31 a Santiago para ter unha reunión coa Inspección, mentres non poden levar ao seu fillo ó cole, pois non pode ser atendido como precisa ao non ter a coidadora.

No escrito as familias denuncian o “novo incumprimento da Consellería” e a “pésima xestión”, criticando a desatención grave da atención ás Necesidades Educativas Específicas. “Isto implica unha aplicación real dos recursos que garanten o dereito á INCLUSIÓN EDUCATIVA e atender as necesidades específicas que presente a totalidade do alumnado” denuncian.

Por iso esixen que se dote ao centro de persoal Auxiliar Técnico Educativo (ATE) para atender a un alumno que cursa 4º de Educación Infantil no presente curso.

Protestas CEIP O Pindo contra os recortes ensino 2

Máis novas sobre os recortes

Comentarios