Guadalupe Vázquez rescata na casa a historia e a riqueza fonética de Quilmas
”Fermoso e tremendamente emotivo” o acto que acollía o Salón de Actos do Concello de Carnota esta mañá de sábado. Guadalupe Vázquez Formoso presentaba, na casa, , a súa primeira novela "Conto de Quilmas”.
Acompañada do alcalde carnotán, Juan Manuel Saborido “Moma”, e da Raíña Lupa feita por Alivavá, Guadalupe recoñeceu o emocionada que estaba presentando, ante boa parte da súa veciñanza, esta obra feita en Quilmas, a súa terra natal. Acompañárona con ambientación musical da "Agrupación Musical Chan das Lamas", tamén de Quilmas, que interpretaron diversas pezas de música tradicional ao remate do acto.
A emoción do momento foi tal que tanto a autora como o propio alcalde e público derramaron bágoas ao lembrar anécdotas familiares dos avós de Guadalupe e a fonda pegada que nela deixaron Antonio do Moncho, María da Miniña, Manolo "O Carnotán" e "A Lariñana", alcumes polos que eran coñecidos os seus avós de Quilmas e Louredo, respectivamente que, como a propia Guadalupe manifestou, foron a súa inspiración, os seus referentes e pilares fundamentais.
A obra, publicada pola editorial Medulia e apoiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, é, en palabras da autora, “unha homenaxe destinada a recuperar todas esas voces que esmorecen, levando con elas un anaco da nosa propia identidade e herdanza cultural, pois con cada avó ou avoa que morre, morre unha biblioteca enteira”. Unha auténtica posta en valor do sotaque carnotán, dese silvido, e desa riqueza fonética e léxica tan característica.
Trala súa intervención, o público asistiu á proxección dun vídeo con ilustracións da autora e fragmentos da novela na súa propia voz.
Novas relacionadas
- Febreiro 2023: Guadalupe Vázquez arrincou en Cee a súa xira de presentacións dos "Contos de Quilmas”.
- Dcembro 22: Guadalupe Vázquez Formoso non para de publicar e estrea a súa novela “Conto de Quilmas”.
- Novembro 22: A terceira aventura do Saltarín de Guadalupe Vázquez dase polo Monte Pindo:
- Guadalupe Vázquez Formoso fixo voar ducias de Saltaríns.
- A mestra Guadalupe Vázquez leva a pequenos e grandes ata a Fin da Terra co seu segundo conto “Saltarín”.