Nano Unzueta expón os seus 40 anos de artesanía en Stoupa

A Galería-tenda Stoupa, un dos centros culturais máis vivos da comarca, volve renovar a súa exposición temporal cun dos artistas que enchen as súas estanterías. Desta volta é o artesán vasco afincado en Carnota, Nano Unzueta, o que encherá de cor o espazo dende este sábado 9 de novembro, cando teña lugar a exposición (ás 19:30), ata o 5 de decembro.
A exposición, ”Nano Unzueta, 40 anos de oficio”, é unha viaxe retrospectiva pola obra do artesán, un dos grandes representantes contemporaneos da Artesanía de Galicia. A comisaria Begoña Fernández danos unhas pinceladas da vida e obra do carnotán.
Nano Unzueta naceu en Eibar (Guipúscoa) en 1956 e aterrou en Galicia no ano 1980 coa intención de aprender dos oleiros galegos tradicionais. Tras formarse en Buño, con Aparicio Añón, creou o seu taller Cerámica Unzueta en Carnota, onde estivo asentado durante máis de 20 anos, ata que se trasladou a Brión no ano 2000, aínda que segue mantendo aínda hoxe a súa residencia de Carnota. A súa actividade, máis aló da produción cerámica, céntrase en boa parte na docencia e na investigación en canto á preparación dos barros e esmaltes, que el mesmo elabora e aos que incorpora cinzas naturais.
Unzueta chegou a construír os seus propios fornos grazas ao coñecemento adquirido do ceramista neozelandés Barry Brickell. As súas pezas, que el mesmo define como "cerámica contemporánea non encadrada de ningunha tradición oleira", teñen un marcado carácter utilitario e funcional, aínda que sen deixar de lado a estética, moi lograda grazas aos coidados esmaltes que utiliza. Sobriedade e colorido, utilitarismo e estética, experimentación e intimismo son algunhas das palabras que definen a súa artesanía.
Nano Unzueta en 1982
A exposición poderá visitarse en Stoupa, en Cee, durante todo o mes, ata o 5 de decembro, de martes a sábado de 12,00 a 14 h e de 17,00 a 20 h.
Novas relacionadas
- Mon Lendoiro leva ás sáus colaxes á comarca de Fisterra.
- Stoupa festexa o seu terceiro aniversario con dúas novas exposicións en Cee e Santiago
- Stoupa convirte as crebas en arte.
- Xoanxo Cespón e Pepe de Olegario levan o mar costeiro a Stoupa e ao mercado La Galiciana.
- Stoupa abre a temporada de exposicións de 2019 cos Voantes de Laura Tova.
- Artistas e creadores da Costa da Morte brindaron en Cee por novos proxectos para o 2019.