Martes. 19.03.2024
El tiempo

#ELECCIÓN

O Pactómetro: Carnota

Juan Manuel Saborido Rama Moma proximo alcalde de Carnota
Juan Manuel Saborido Rama, "Moma", próximo alcalde de Carnota
O Pactómetro: Carnota

O 15 de xuño teñen que estar constituídos os novos plenos de cara á nova lexislatura. 9 dos 18 Concellos costeiros vivirán unha prácida entrada, onde teñen maioría absoluta o PSOE (Camariñas, Dumbría, Muxía e Ponteceso), BNG (Carballo, Mazaricos e Zas) e PP (Cabana e Laxe).

Quedan pois pendentes dos posibles pactos, ou de gobernos en minoría os seguintes concellos: Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Malpica, Muros, Santa Comba e Vimianzo.

Xa vimos como está a cousa por Corcubión. Agora falamos sobre a actualidade en Carnota.

Carnota: Minoría ou pacto PSOE-BNG?

Co envorco electoral producido coa irrupción do PSOE como primeira forza (sumou uns 500 votos que perdeu o BNG, e pasou de 2 a 5 concelleiros), e despois dunha lexislatura de maioría absoluta do BNG, queda a cousa pendente dun posible goberno en minoría de José Manuel Saborido, “Moma”, ou ben unha coalición co BNG, para asentar as bases dun goberno sólido, seguindo a liña que se vai repetir outra lexislatura na Deputación da Coruña.

A Asemblea do BNG decidirá que facer a partir de agora pero "sempre dende a oposición, como votou o pobo", apunta Milucho Louro.

Porén, dende o PSOE consideran máis factible gobernar en minoría simple. “Non nos formulamos formar goberno de coalición co BNG, non por animadversión nin por problemas persoais, senón porque na campaña dixemos que iamos con todo coa nosa candidatura e que ou gobernamos sós ou que nos absteríamos. Se facemos outra cousa sería traizoar aos nosos votantes. Esperamos gobernar por maioría simple entón, pero cremos que PSOE e BNG poden chegar a ter entendemento puntualmente, incluso confío en que o PP tampouco se posicione sempre no non. Sobre todo falamos dos presupostos”, explica o vindeiro alcalde Moma. “Confío na responsabilidade de todos para, por exemplo, se aproben as dedicacións exclusivas para que poidamos traballar ao 100% polo Concello”, apunta despois de que nesta lexislatura (non na primeira) o BNG traballase con dúas dedicacións.

Un Moma que se atopa “aterrizando, quitando tensións, despois dunha campaña tensa pero máis ou menos normal, na que non chegou o sangue ao río”. Valora os resultados como “históricos, pois pasar de ser terceira forza a maioría absoluta é algo espectacular”. Recoñece que “si que influíu a ola socialista, porque gañar, as Xerais (como non acontecía dende o 98), as Europeas e as Locais é algo para o que se aliñaron todos os astros”.

”A verdade é que comezamos ben dende o principio, porque había certa división debido a que o partido levaba 8 anos perdendo votos e confianza, e Suso Campos soubo dar o paso atrás, e fixo de redeiro na lista traballando como un máis a prol da candidatura, e fixo, como todos, un traballo fantástico. Agora é a primeira vez que non temos goberno, pero tamén seguramente escollemos o candidato adecuado.

Denuncia do BNG

Hoxe mesmo, o BNG vén de prsentar unha denuncia ante a Garda Civil por uns sucesos que aconteceron na madrugada electora. Pouco antes da media noite, ao pouco de chegar ao seu fogar familiar en Lariño, varias persoas rociaron a casa de Milucho Louro, candidato á alcaldía, con algún produto químico que desprendía un intensísimo cheiro desagradadable. "O BNG de Carnota condea rotundamente o hostigamento sufrido polo noso candidato no seu propio fogar, que afecta non só a Milucho senón a súa familia e veciñanza que viron perturbada a seguridade do seu propio lugar e domicilios. Este capítulo empaña defintivamente o proceso electoral e pon o colofón a unha campaña orquestrada de acoso e derribo contra o noso candidato desde hai varios meses", denuncian dende o BNG.

Así mesmo, o PSOE carnotán emiten tamén un comunicado no que "condenan eses feitos e calquera outro acto de vandalismo, contra persoas e bens públicos ou privados, en pro dunha convivencia pacífica e de respeto ás persoas, con independencia da súa ideoloxía, raza, relixión, sexo, ou calquera outro dereito fundamental. Democracia, liberdade e tolerancia, deben ir da man, e así llelo manifestamos a toda a veciñanza de Carnota en xeral, e a Emilio Louro e á súa familia en particular".

Novas das Eleccións

Artigos relacionados

Comentarios