Venres. 13.12.2019
El tiempo
Marisol Soneira
11:40
27/05/19

A Costa da Morte tínguese de roxo

A Costa da Morte tínguese de roxo

Nestas eleccións municipais produciron un fenómeno semellante ao de 1983 onde houbo alcaldes que saíron elixidos cun cartel de Felipe González e unhas siglas: PSOE. Se analizamos en detalle os resultados acadados nos nove concellos que conforman o partido xudicial de Corcubión, o Partido Socialista podería acadar a alcaldía en todos eles agás en Zas, xa que é a forza mais votada con diferencia e de modo sorprendente en algún caso.

Non sorprenden resultados como os de Dumbría, Camariñas ou Muxía, pero chama a atención, en termos democráticos, o terremoto que se ten producido en Carnota, Vimianzo e Cee. No primeiro caso porque parecera que o BNG estaba fortemente consolidado e que, obxectivamente, non había elementos que nos fixeran pensar nun cambio tan radical. Pero aí está. A suma da corrente socialista que, dende as eleccións xerais, aporta vento de cola ás candidaturas do PSOE mais o gran acerto de encomendarlle a Moma liderar o proxecto municipal deron como consecuencia un resultado histórico para os socialistas carnotáns. Vimianzo era máis previsible que Antelo perdese a maioría absoluta. Ningunha organización soporta a división interna sen custes políticos e, ademais, flotaba no ambiente unha certa sensación de ansia de cambio político. Pero a dimensión do cambio e o que resulta sorprendente xa que o Partido Socialista volve a recuperar no concello o que tradicionalmente era a maioría social. Non vai ser fácil gobernar Vimianzo coa fragmentación e os enfrontamentos, incluso persoais, previamente existentes, pero nestas situacións é onde se mide a capacidade política dos líderes e Mónica Rodriguez ten a capacidade para logralo.

Non menos sorprendente é o resultado electoral de Cee. Dá a impresión de que os electores seguiron a corrente xeral de cambio en torno ao PSOE pero, a maiores, premiaron un xeito de facer oposición con moito sentido común onde houbo crítica dura moitas veces pero tamén propostas e procura de consensos. Nesta situación endemoniada ninguén o ten fácil. Por un lado Margarita Lamela ten o respaldo maioritario para tentar gobernar. Por outro, a dereita, pode tentar volver, todos xuntos, á casa común, aínda que se me antolla complicado vendo o nivel de enfrontamento persoal existente entre moitos deles. Cee é moi importante para a Costa da Morte xa que, polo seu nivel de servicios e pola súa centralidade, precisa duns anos de sosego político que lle permita liderar as iniciativas colectivas da comarca. Tamén neste caso, a situación vai poder permitirnos ver a capacidade política de cada quen e o seu nivel de compromiso coa sociedade á que representan.

En Corcubión preséntase unha situación complicada pero o sentido común indica que Lalo Insua debera repetir como alcalde, igual que Pepe Marcote en Fisterra, onde os electores premiaron a lealdade e o sentido común que amosaron durante catro anos o PSOE e o BNG.

Cantos destes concelleiros son produto do bo facer das agrupacións locais e cantos son atribuíbles ás siglas PSOE? Pois seguramente haberá de todo, como en botica, pero, como no 83, cando hai vento de popa navégase moito mellor.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

 

Novas relacionadas

 

Outros Artigos de Marisol Soneira

comentarios