Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Os mil Entruidos en Caldebarcos

Os mil Entruidos en Caldebarcos
Entruido-de-Caldebarcos

Algo tarde, pero a tempo, traemos este repaso a un dos entruidos máis guerrileiros do sur da Costa. I é que por Caldebarcos manteñen intactas as tradicións e fan delas un pandeiro para pasalo en grande. Coa copla, de novo, como verdadeira protagonista, i é que en Caldebarcos hai arte, para facer un festival! Aquí vos deixamos coa propia descrición dun dos seus copleiros maiores César Cambeiro.

Entruido-de-Caldebarcos

Despois de visitar a todos os veciños, casa por casa, e como vén sendo costume o Martes de Entruido en Caldebarcos, “O Mariñeiro” empezou o Chiste pescando unha boa caldeirada para todos os asistentes, que foron convidados a comer no “Bar Cenas”, rexentado por Luis, o do Bar Cenas, un vello coñecido do Entruido, que foi o que explicou as condicións para comer: Tomar o menú B, pagar en C, e así a todos nos sairía mellor a conta A.

O Entruido este ano reencontrouse coa súa propia historia: Reivindicou a famosa coreografía de “Ó Trou Trou Miculaxiño, ó Trou Trou meu Antoniño …”, algunhas das aventuras daqueles Entruidos dos anos 50 e 60 a xeito de copla e fixo gozar ó público coas orixinalidades locais máis teimosas en sobrevivir ó longo dos anos.

Dentro do Chiste os asistentes, incluído algún animal doméstico, tiveron ocasión de “quitar o aire” ou “levantar a paletilla”, e os máis novos, como vén sendo natural, fóronlle entrando ó vicio e deixando que o Entruido se vaia metendo neles.

O Entruido foi convenientemente xulgado por todo o que fixo durante o ano e, desgraciadamente para el, pesaron máis os pecados que as virtudes. Finalmente, pese a que algunha sección popular o quería indultar, a maioría estivo de acordo en condenalo.

O Entruido foi mazado a paus coma un polbo e apurouse a dimitir no momento. Con iso pensou que se salvaba pero finalmente pasou o que tiña que pasar: O lume fixo o seu traballo.

“Estaba escrito” e “Ardeu como tiña que arder” eran os comentarios máis comúns que a xente repetía.

Con esta queima os veciños de Caldebarcos e os seus visitantes deixaron de mirar atrás e comezaron un novo período anual agarrados á esperanza de remontar as súas vidas. E foron contentos para a casa comer unhas orellas, unhas filloas e unha cunca de caldo.

O Antroido ardeu
O Antroido morreu
Viva o Antroido sempre!

Entruido de Caldebarcos Entruido de Caldebarcos Entruido-de-Caldebarcos

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios