Os pequechos de Carnota non teñen parada


Non dan feito os pequechos de Carnota. Non acaban o programa de dinamización lectora na infancia Un verán de conto!, promovido pola Axencia de Lectura Municipal de Carnota, e xa están a voltas co Campamento urbano de verán, que os manterán ocupados nas vindeiras semana. Así que imos repasando todo o que están a facer eses pequenos.
De conto a conto

O pasado venres, 9 de agosto, nenos/as e maiores gozaton en Carnota co espectáculo Príncipas e princesos, unha divertidísima sesión de contacontos a cargo de Pablísimo. Unha cita que serviu para clausurar o programa de dinamización lectora na infancia "Un verán de conto!". Durante a sesión o contador, botando man de diferentes recursos teatrais coma o kamishibai ou os monicreques, fixo unha reflexión sobre a igualdade de xénero, mediante a narración de contos atípicos con cambios de rol e inversión dos papeis tradicionais.
"Un verán de conto!" desenvolveuse en catro sesións, que tiveron lugar nos meses de xullo e agosto. A iniciativa arrancou o 12 de xullo cunha sesión de contacontos a cargo de Miro Villar, con quen coñeceron os contos da serie “Carlota, a marmota” (Xerais); A cobiza do verme Noel (Galaxia) e Rebelión na charca (Sotelo Blanco), narrados polo propio autor.
A segunda sesión correu a cargo de Mau e Pin, os autores da colección “Polo correo do vento” (Xerais), que espertaron a creatividade dos máis pequenos con Violeta, a carteira bolboreta, unha actividade dinámica e divertida que combina a narración oral e a ilustración.
A compañía Elefante Elegante encargouse da terceira sesión, e aterrou en Carnota o 2 de agosto coa función O aviador, un espectáculo de aventuras interactivo cunha rica posta en escena e grandes doses de humor.
De Campamento urbano

E sen tempo a descansar, onte xa arrincou o Campamento urbano Municipal de Verán de Carnota. Son 31 rapaces/as de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos os gozarán ao longo de dúas semanas gozarán de diferentes actividades culturais, lúdicas e deportivas, en horario de 10:00h a 13:00h.
Acompañados sempre por 6 monitoras, os participantes teñen o seu campamento base no Pavillón de Lamas de Castelo, pero dende alí moveranse por todo o Concello para levar a cabo todas as actividades propostas, que non son poucas: Excursión culturais polo centro, rutas de sendeirismo, xincanas de probas culturais, competicións deportivas etc …
A programación por días é a seguinte:
- Martes 13 de agosto: Boca do Río. Xogos e natureza na Praia.
- Mércores 14 de agosto: Rutas de sendeirismo en dous grupos; á Fervenza de Pedrafigueira (para os rapaces/as de 7 anos en diante) e ao Bico do Santo (os nenos/as de ata 6 anos)
- Venres 16 de agosto: Praia de Mallou. Andaina pola Praia.
- Luns 19 de agosto: Concello. Obradoiro de manualidades e visita cultural polo centro de Carnota.
- Martes 20 de agosto: Berberecheira. Xogos, baño e paseo pola berberecheira.
- Mércores 21 de agosto: Pavillón de Lamas de Castelo. Obradoiro de reciclaxe.
- Xoves 22 de agosto: Praia de Carrofeito (Pedrafigueira). Camiñata, xogos na area e baño.
- Venres 23 de agosto: Concello. Manualidades e festa fin de campamento.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).