Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Premio Semente para a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa

Premio Semente para a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa
Invernadoiro da Cooperativa Raínha Lupa de Quilmas

Xa no 2008 recibían o recoñecemento da asociación ADEGA co premio Osíxeno. E esta semana, a Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa vén de coñecer que recibe outro premio: O Premio Semente, que outorga Verdegaia.

Un xeito este de ver refrendado seu traballo para amosar que outro xeito de facer agricultura, que outro xeito de vivir, é posible, e máis nunha zona como a nosa. Un premio que pode servir para animar a moita outra xente da zona a apostar pola agricultura ecolóxica como medio de vida, e de feito, xa ai persoas preguntando pola zona.

A Raínha Lupa recibe o galardón porque representa a loita por unha forma de entender a vida asociada ao respeto á terra, en contraposición a un modelo industrialista que case sempre é o único proposto polas administracións, posto en mans de grandes empresas, segundo explican dende a entidade ecoloxista.

Un premio que a cooperativa carnotá comparte con outras personalidades, como dúas bravas mulleres labregas, Mª Carmen Pazos Rabuñal de Rois e Mª Dolores Lea Santiso; e outras entidades, como a Fundación Galiza Verde, referente na formación e difusión da agroecoloxía en Galiza; a Rede de Sementes, espazo de intercambio de saberes; a Asociación Galega de Horticultura Urbana; e por último ás persoas que teñen posto en marcha a horta comunitaria do Barrio do Cura, en Vigo.
Ademais, Verdegaia quere lembrar ao Xosé Reigosa, socio fundador de Salvemos Monteferro, falecido no pasado mes de febreiro.

Premio Cemento

O premio Semente comparte protagonismo co Premio Cemento, cos que Verdegaia quere denunciar os proxectos de fumigación dos nosos montes, vinculados ao pesticida Cascade e aos intereses da industria da pasta de papel. Entre as agraciadas están: Aspapel, ENCE, Xunta de Galicia, Mesa da Madeira, Subdirección Xeral de Recursos Forestais, Asociación Forestal de Galicia, PROMAFOZ, Ecología y Espacio s.l., Fitoaragón s.l., Estación Fitosanitaria do Areeiro e BASF. Ante a imposibilidade de premiar fisicamente tanta boa intención ambiental farán entrega do galardón á Xunta de Galicia como representante político destes intereses empresariais, para que despois poida compartir con eles a boa nova deste recoñecemento.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios