Venres. 23.10.2020
El tiempo

Carta de Xosé Manuel García Crego a Xosé Reigosa Solleiro

Carta de Xosé Manuel García Crego a Xosé Reigosa Solleiro

Hoxe saímos das nosas fronteiras pois é un día de luto en Galicia. Finou un dos puntais do movemento ecoloxista e social de base en Galicia. Xosé Reigosa Solleiro levaba anos a pé de rúa, loitando dende a comarca do Val Miñor por unha Galicia máis verde, máis sostible.

Reigosa foi un dos redactores das alegacións contra o plan de acuicultura pretendido pola Xunta en 2008. Unha loita para evitar a urbanización da Costa da Morte e as paraxes virxes en Rede Natura onde se pretendían construir ou ampliar piscifactorías como as de Camelle, Merexo ou Quilmas. Entre outras batallas que desenvolveu ao longo de toda Galicia.

Así, deixámosvos coa carta que lle envía post mortem o tamén compañeiro de loita Xosé García Crego.

Carta de Xosé Manuel García Crego a Xosé Reigosa Solleiro

Unha vez houbo un home que nunca dixo meu. Xosé Reigosa Solleiro foise de onda nós o 21 de febreiro de 2012.

Xaneiro de 2006. Acudo ao vello Bar Patos, en Patos, Panxón, Nigrán do Val Miñor. Convocatoria boca-orella. Preséntase un escrito: trátase de preservar Monteferro da razzia urbanizadora do momento. Abaixoasinamos. Nace Salvemos Monteferro, asociación socio-cultural de defensa medioambiental. De alí a pouco eliximos presidente: Xosé Reigosa, naturalmente.

Desde a súa casa, en Alborés da parroquia de Priegue, vemos Monteferro e as illas Cíes despregar a súa potencia paisaxística. Podíase comprobar tamén, na altura, como as edificacións gañaban terreo ao monte e como mentes desaprensivas ordenaban a corta a feito de hectáreas forestais.

Entrade na páxina web www.salvemosmonteferro.org que prepararon Ángel e Xosé Reigosa: un exemplo de información. Gañaron no seu día o Premio Nano Cambeiro, outorgado polo Instituto de Estudos Miñoranos.

Montse, Gabri, amigas e amigos prepararon con antelación o ambiente: SALVEMOS MONTEFERRO andaba xa polos camiños. Reunimos máis de 10.000 sinaturas, convocamos unha concentración diante do concello de Nigrán e impedimos a construción dunha estrada de circunvalación en Monteferro. Era 2006, pouco antes da mobilización veciñal contra o fraudulento PXOM.

Xosé Reigosa Solleiro, que eu saiba, non tiña carné de partido político ningún. A súa filiación política era a da irmandade, a da igualdade social, a do republicanismo. Viña dunha selecta estirpe: Ricardo e Urania Mella, Humberto Solleiro, nomes senlleiros da liberdade.

Estudoso da realidade, rigoroso, extremadamente coidadoso no discurso, quixo sempre compartir análises e responsabilidades: nunca o manifesto era cousa de un, sempre expresión da idea común. Constituíuse, por riba da súa vontade, nun dos epicentros do movemento galego de defensa da terra.

A Ría Non se Vende, Galiza Non se Vende. Fórmulas organizativas para aglutinar, para mobilizar a xente fronte aos atentados medioambientais do momento. Xosé Reigosa foi voceiro veraz de movementos firmemente baseados na razón e no coñecemento científico das cousas.

Unha cruel enfermidade retirouno hai meses da súa actividade militante. Home afable, humilde, xeneroso, déixanos o recordo dunha persoa entrañable, cariñosa, amante dos seus e dos máis.

Séxalle leve ao compañeiro a terra que tanto amou.

En Priegue, parroquia de Nigrán do Val Miñor.

  • Asdo: Xosé Manuel García Crego.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

comentarios