PSOE e BNG de Carnota amosan a súa postura tralo pleno de investidura


Sen acordo pero cos votos dos dous edís do PSOE, Moncho Noceda (BNG) converteuse este sábado no novo alcalde de Carnota. Un cambio político desexado por ambos partidos, que asinaran apoiar, alomenos no pleno de investidura, á forza máis votada.
Así foi, e o pleno de investidura transcorreu con normalidade onde os 11 concelleiros tomaron as súas actas. 6 serán debutantes, e a sesión tivo unha lembranza especial para o finado Euloxio Franco.
O BNG quere achegar posturas
Dende o BNG lembran que "a pesar de que esta investidura se produciu sen un acordo de goberno entre ningunha das forzas que obtiveron representación, o BNG agradece que finalmente o PSOE cumprira coa palabra dada na campaña e anuncia que vai establecer os contactos precisos para, nas vindeiras datas, tentar achegar posicións de cara a conformar un acordo de goberno baseado en valores de transparencia, austeridade, seriedade, honradez, xustiza, solidariedade e sobre todo participación veciñal na vida municipal, superando vellos partidismos, personalismos e localismos e traballando para dar forma a un Concello de Carnota máis igualitario do que se sintan parte indivisible todos e cada un dos nosos veciños e veciñas".
O PSOE dende o goberno
Dende o PSOE aseguran que queren un "goberno para todos sen distinción por cor política" e valoran que o pobo de "Carnota votou maioritariamente ás forzas de esquerdas".
Así e todo lamentan que "non se chegou a acordo estable co BNG, non fomos capaces de conxugar os dous programas para facer unhas liñas de goberno en común e en consecuencia de isto NON HAI PACTO DE GOBERNO. Explicamos que, polo momento damos voto de confianza a Moncho Noceda, pero o noso partido formará parte da oposición".
Así afirman que o PSOE, "nos plenos votarase a favor do que consideremos que é o mellor para Carnota e non se lle dará ó BNG o apoio ó que consideremos perxudicial, velando porque o goberno sexa responsable, transparente e para todos".
Novas relacionadas
- 7170">Decididos todos os novos alcades na Costa da Morte.
- 06-06-11: Tambaléase o pacto PSOE-BNG en Carnota.
- 24-05-11: Os comicios en Carnota: Cambio de goberno a tiro de pacto.
Fonte
- Notas de prensa do PSOE de Carnota e do BNG de Carnota.
- Foto de Pablo Pérez.