Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un paseo moi galego por New York

Imaxe do Edificio da Casa Galicia en Astoria-Queens
Un paseo moi galego por New York
Imponente edificio da Casa de Galicia en Astoria-Queens-NY

Parte do equipo de QPC tivo a sorte este Nadal de disfrutar dunhas merecidas vacacións en New York City. Menuda pasada de cidade, con ducias de mundos agochados entre as súas mazás.

Non faltou a visita á parte máis galega de NYC, a que coñecimos xa da man de Manuel Vilar e a súa viaxe polo barrio de Astoria, en Queens. A parada fundamental, na Casa Galicia de NY, onde aínda lembraban a visita da familia da Ximiela.

Casa Galicia en NY fundada en 1940

Fundada en 1940, foron varias as ubicacións que percorreu dende aquela. A penúltima precisamente é a que lle permite ter unha economía solvente, pois a día de hoxe está alugada a unha das discotecas máis famosas da city, a Webster Hall. Agora o imponente edificio da Casa Galicia está en Astoria, Queens. E alí nos reciben en plena celebración dominical cos Reis Magos, con máis dun centenar de nenos recibindo os regalos.

Abaixo o fútbol, arriba os Reis cos regalos. Na Casa Galicia, con arredor de 900 socios (unhas 700 familias) une a moitos emigrantes dos anos 60-70, pero tamén dos aos 20. Varias xeracións comparten espazos e inquedanzas, nun ambiente que dista moito do que temos disfrutado os días anteriores pola capital económica do mundo: o balbordo do comedor da Casa Galicia non se asemella a ningún otro bar visto en todo EEUU.

A evolución dos emigrantes galegos varía. Se ben moitos xa non viven en Astoria (hai outras comunidades importantes nas zonas industriais de Newark ou New Yersey formando un total de aproximadamente 20.000 galegos). Os máis maiores, que chegaron para traballaren na construción ou na limpeza, foron facendo a de aforro pasiño a pasiño facendo moito cartiño. Os xa creceron e estudaron en terras estadounidenses xa van conseguindo traballos de oficina, pero hai outros novos que tamén viven de tirar ladrillo. Iso si, todos traballan máis que de sol a sol, e sen contar as dúas horas diarias de media que un gasta en ir e voltar ao traballo.

Un exemplo de como medraron os galegos na Gran Mazá é unha das pizzerías de Times Sq. O seu xerente comezou de camareiro e foi dando pasos ata ter un establecimento no corazón do mundo occidental, onde cada metro cadrado vale ouro. Alí celebraron hai uns anos unha marea de galegos o findano, pero nos últimos xa o disfrutan dende Queens (ou en Galicia se hai vacacións) porque aquelo está impracticable.

Facende de galegos fetén

E como galegos fetén, aqueles na diáspora, non esqueceron as liortas minifundistas. Sen ánimo de ofender nin a un nin a outros, resulta curioso ver que na mesma 31 Avenue de Astoria, ao outro lado da rúa, tamén temos o Círculo Español, formado, nun 98%, por galegos. Galegos máis de interior, que aló polos 70 enfadáronse coa Casa Galicia por manter a bandeira nacional de Franco, e montaron o Círculo.

Agora, o respecto mutuo equilíbrase coa falta de actividades conxuntas. Un clásico da nosa idiosincrasia levada ao outro lado do Atlántico.

Dende Muros ou Santa Comba

Ubaldo QPC con David Lago e Pep Guillin na Casa Galicia de NY

Precisamente quixemos, sen sabelo, unir as dúas frontes. E convocamos na Casa Galicia a dous galegos da zona, un costeiro e outro de interior. Tiñamos moitas gañas de coñecer en persoa a David Lago, membro da Casa Galicia e presidente do CD IBeria, club formado por galegos do que xa temos falado en QPC. Ademais, quixemos tamén coñecer a realidade de Pepe Guillín, que dende Santa Comba acabou en NYC.

Fermosa, fermosísima é a historia de David Lago, empregado de, nada menos, American Express. Os seus pais, pai de Serres e nai de Quiroga, coñecéronse na Casa Galicia xa van uns cantos anos. David xa naceu aló, e tamén coñeceu á súa muller, de Esteiro, na Casa Galicia, e cada ano, aproveitan o xusto mes de vacacións para as dúas aldeas, e dá gusto como intercambia o inglés de Queens, co castelán da meseta, o ghallegho costeiro ou o galego de interior. Algo que vai practicando o seu pequeno, que tamén alterna os tres idiomas á perfección, botando pola borda moitas falacias sobre a aprendizaxe plurilingüe nos máis pequenos.

Na zona, como dicimos, hai unha gran parroquia da zona de Carnota-Muros-Noia, pero tamén de Riveira-Portosín-Porto do Són, de Celanova, de Pontevedra… E de Santa Comba, como o camareiro, de nai xalleira e pai zaense, un porteiro algo “tragón”, pero que non para de traballar nin un segundo.
Ou como Pepe Guillín, fundador do portal turístico Finisterrae e da empresa carballesa Abertal leva 3 anos en NYC. Tardou 8 anos en conseguir o visado de traballador, i é que, segundo nos din as cousas estanse poñendo moito máis complicadas nos últimos tempos para entrar en EEUU (“legalmente”).
A súa muller xa o tiña polo que a decisión estaba tomada. Coincidiu ademais a crise pola volta e nada mellor que un cambio de rumbo. Xa traballa nun banco e vaise facendo mesmo cos acentos.

De fútbol no CD Iberia

Un dos Planteis do Iberia CD de NY

Os domingos son os días de quedada completa na Casa Galicia. Pero antes toca partido. Xa os vimos de curto mesmo gañando títulos, gracias ás crónicas que nos manda o propio David Lago, i é que a familia futboleira do CD Iberia é fantástica. Así nolo conta tamén o seu curmán Juan Lago, outro da enorme parroquia muradá en NY.

Pero quedamos sorprendidos cos Veteranos, que non fallan un só domingo ao ano, e mira que hai domingos de inverno moi moi duros… Uns xogan, mentres outros van preparando a churrascada. Xa queríamos ter disfrutado dunha das súas xuntanzas!!

Pois nada, a ver se voltamos algún día a NYC e esperamos seguir recibindo novas dende aló!

Novas da Costa en NY

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios