Unha moeda de Alfonso X achada no Monte Pindo


Continúa o Olimpo Celta agasallándonos con historia, con pequenos retales que nos deixar ir construindo un puzzle que non é máis que outra constatación do tesouro que temos na zona. Esta semana a Asociación Monte Pindo Parque Natural, nunha visita con medio centenar de veciños de Adega-Lugo, voltaba cun pequeno tesouro: esta moeda de Afonso X O Sabio.
Parece ser que se trata dun Óbolo de Vellón acuñado durante o reinado de Afonso X O Sabio, entre os anos 1252 e 1284. De feito, o académico Laureano F. Carballo, profesor do IGEC (Instituto Galego de Estudos Célticos), confirmou que a peza procede sen lugar a dúbidas da ceca (fábrica de moeda) da Coruña.
O óbolo de vellón sería acuñado precisamente na mesma época na que os expertos datan a inscrición achada recentemente na ermida do Monte Pindo, e que podería corresponderse á súa data fundacional ou dunha reconstrución posterior. Isto podería suxerir un certo vencello entre os dous achados, e mesmo que existiu nese tempo peregrinaxe á ermida e unha tributación a aquela que fose a súa advocación, cousa que como outros moitos detalles da edificación aínda descoñecemos.
O óbolo
A pequena peza foi atopada polo noso socio Xosé Troiano no entorno da Laxe da Moa, o cumio do Monte Pindo. Pesa menos dun gramo, mide uns 13 milímetros e estaría composta por unha aleación de prata e cobre. O seu valor equivalería a medio dinero (ou cinco maravedís), un valor da época que variaba en función do sitio onde fose acuñada.
Cada unha das caras conta con diferentes motivos. O anverso conta coa inscrición CA ST EL LE cinguindo un cadrado que contén un castelo, e unha ceca debaixo bastante deteriorada que semella unha vieira que o adscribiría inconfundibelmente á ceca da cidade herculina. No reverso, a inscrición LE GI ON IS rodea un cadrado que contén un león.
Novas relacionadas
- Os voluntarios recuperarán a Torre dos Mouros.
- Un gran castelo chamado Monte Pindo.
- Un berro polo Parque Natural no Monte Pindo Xa!.
- Descobren un terceiro castelo no Monte Pindo formando unha gran fortaleza amurallada.
- Recuperando a historia da Ermida do Monte Pindo.
Máis novas
- Facendo cumio do Roteiro das Peixeiras do Monte Pindo.
- Ézaro, unha viaxe polas covas dos agochados no Monte Pindo (Parte 1).