A tradición volve nacer en Lires por Nadal

14:27 29/12/10
Impresionante o traballo que levan realizando os membros da Asociación Pedras Miúdas de Lires dende a súa formación hai apenas un par de anos. Un traballo moi enfocado á recuperación tradicional, e xa ten devolto á vida cotiá costumes como a danza de arcos, a gaita ou a pandeireta.
E tiñan unha boa festa preparada para este Nadal, que se celebrou o pasado domingo 26 de decembro. A parroquia ceense de Lires celebraba o Santo Estevo, e a asociación aproveitou a data para que toda a veciñanza desfrutoase co nadal máis tradicional.
Non mermou asistencia a enorme friaxe, e o numeroso público asistente (había máis xente que vecinos) cantaron e aplaudiron a rabiar.
I é que a proposta cultural non era pequeña. Empezou nada menos que Pazos de Merexo, deleitando a parroquia co seu acordeón logo de manter un man a man con Kepa Juquera hai unhas semanas no Couto.
De seguido foi José Blanco o que subiu ao escenario. Este, veciño da parroquia, e persoa xa maior, tocou un par de pezas ca súa gaita conseguindo que o público se entregase ante a súa valentía.
A regueifa chegou tamén a comarca de Fisterra, algo máis típico polas terras de Bergantiños. Era unha regueifa con gaita a cargo de Trío Liro, que arrincou as risas de pequenos e maiores.
E para rematar, foron os artistas da casa os que continuaron a festa. As pandereteiras, as do baile tradicional e os gaiteiros da propia asociación Pedras Miúdas fixeron un peche de festa do máis movido.
Parabéns para a asociación de Lires, que traballa coma poucas na comarca de Fisterra pola recuperación tradicional.
Novas relacionadas
- Continúa o Nadal cultural en Ameixenda.
- 7 quilos de róbalo de Fisterra a Lires.
- Lires mantén viva a súa tradición.
- Máxica noite con Kepa Junquera e Pazos de Merexo no Couto.
- Pedras Miúdas pide ao concello de Cee que arranxe os problemas na Escola de Lires.
- Pedras Miúdas lembra á xeración dos anos 60 en Lires.
- Lires acode á chamada de socorro da Danza de Arcos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).