A histórica folga do ensino ao completo chega aos CEIP e roza o 90% de seguemento


Xa avanzabamos onte como eran as primeiras accións da folga estudiantil contra a LOMCE. Unha folga histórica, pois se trata da primeira vez que en todo o estado se convoca un paro conxunto entre nais e pais, mestres e alumnos, a través da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. E se en estas partes houbo un gran seguemento, na Costa da Morte, desta volta tamén, tamén nas concentracións nas cabeceiras de comar, Cee e Carballo, o que dá conta da relevancia da mesma.
O baile de cifras segue sendo brutal. A nivel galego, os sindicatos cifran o seguemento en máis dun 80% mentres a Xunta quédase no 20%. Aquí na Costa os convococantes, a Plataforma, a Fedanpa e mais Galiza Nova, coinciden en que que o seguemento da folga foi un "rotundo éxito", loitando na defensa dun ensino público de calidade e gratuito.

A federación de ANPAs da Costa da Morte, membro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, apunta que ao redor dun 90 % do alumnado de ensino Medio participou na Xornada de Loita contra a LOMCE, chegándose ao 98% nalgúns centros como o IES Maximino Romero de Lema de Zas, un 92 % no IES Agra de Leborís da Laracha ou un 96% no IES Agra de Raíces de Cee, por nomear algúns centros de secundaria.
Pero apuntan que "o máis rechamante foron as mobilizacións nos CEIP, centros onde o alumnado nunca participa (debido á idade) en folgas e similares". Pois ben, o seguimento chegou, nalgúns casos ao 94%, como no Labarta Pose de Zas, ao 74,6 % no Canosa –Rus de Coristanco, ao 70% do colexio de Sofán ou ao 90% no CEIP Otero Pedrayo da Laracha e do CEIP Bergantiños, por poñer algúns exemplos.
Dende a Fedanpa esperan que toda esta mobilización faga rectificar a Wert. Polo de pronto, a aprobación da lei xa se ten posposto, unha vez que tiñan prantexado sacala hoxe adiante.
Dende a Fedanpa explican algúns dos argumentos que levan á toda a comunidade educativa a manifestarse: "a chamada LOMCE supón afondar na privatización do ensino, impoñendo unha ideoloxía neoliberal que afoga o sistema educativo galego e do resto do estado, aumenta a confesionalidade, liquida a xestión democrática dos centros, expulsa ao alumnado do ensino en idade temperá e pon en tela de xuízo o dereito a educación".
E avisan: "a partir de hoxe tampouco imos permanecer calados, continuaremos na loita contra a LOMCE e, a través das charlas, conferencias e debates. Informaremos á comunidade educativa, á que aínda non chegamos, das trabas que este anteproxecto pretende impoñerlle ao alumnado para impedir que reciba unha educación pública de calidade".
"A Costa da Morte rexeita unanimemente a LOMCE e a política educativa do PP"
Esta é a valoración de Galiza Nova, outros dos que se sumaron á convocatoria de folga e estiveron a pé de rúa. "O ensino da comarca da Costa da Morte viviu hoxe unha xornada de loita histórica en resposta á LOMCE, a última contrareforma educativa imposta polo PP e as xerarquías eclesiásticas que nos retrotrae ao franquismo e endurecerá o acceso da mocidade aos estudos desexados, mesmo no económico", resaltan.
"Boa resposta viviu tamén a convocatoria de concentración de Galiza Nova diante do IES Fernando Blanco de Cee, demostrando que a nosa comarca non se resigna a ver como lle impoñen unha lei que arruinará o ensino tal e como o coñecemos, condenándoo á privatización, á desgaleguización e a volta do dictado moral da igrexa nos nosos centros educativos", expuxeron.
Novas relacionadas
- A comunidade educativa para ao completo contra a LOMCE.
- Novas citas contra a LOMCE en Cee e Vimianzo.
- Peche costeiro contra a reforma e os recortes en educación.
- Bergantiños sae á rúa.
- A Costa da Morte tamén loita contra o copago nos comedores escolares.
- Os pais e nais da Costa da Morte envían unha carta de preocupación ao Conselleiro ante os orzamentos de educación.
- A ANPA do Agra Raíces pide unión da comunidade educativos nos peores momentos do ensino público.
- A bitácora da semana (CCI): A Federación de Anpas da Costa da Morte.
- A Fedanpa convoca unha concentración polo Ensino Público na capital de Bergantiños.
- As ANPAs propoñen un referendum pola reutilización e gratuidade dos libros.
- As Anpas da Costa da Morte propón un programa de reutilización de libros de texto.
- A Federacións de ANPAs da Costa da Morte estréase cunha dura crítica á LOMCE.
- 17-10-12: A mocidade da Costa da Morte tamén se rebela por un ensino público.
- 10-05-12: A folga do ensino déixase notar nos centros da Costa da Morte.
Fonte
- Información de José Manuel Ojén e da FEDANPA.