Aspadex sobe ao tren da ilusión
Que ben o pasa a familia Aspadex cando sae de excursión. Unhas visitas que teñen como obxectivo aumentar a calidade de vida das persoas con discapacidad intelectual por medio do lecer, ofertándolle distintas oportunidades. Estas saídas inclúen non só visitas dunha xornada á contorna inmediata, senón tamén estancias de fin de semana e visitas a lugares de interese.
Este programa de lecer xa comezou no ano 2013, con saídas a distintos lugares da comarca, e cunha viaxe de dúas noites ás termas de Outariz, onde participou a gran maioría dos usuarios do centro, con resultados moi positivos tanto a nivel terapéutico como de relación.
No 2014 continuaron coas saídas tanto pola contorna, como a outras zonas máis afastadas, en concreto os usuarios do Centro de Día beneficiáronse levando a cabo unha excursión en tren desde Santiago ata Padrón, para moitos deles foi unha experiencia única, onde o pasaron, segundo eles mesmos manifestaron "a mar de ben" algúns ata choraron, "emocioneime" comentou unha das participantes. A maioría deles nunca vira o tren, e estaban ilusionados dicindo "imos perder ou tren", tampouco subiran nun e tiñan medo a marearse, polo que se sorprendían do cómodo que era viaxar neste medio de transporte.
Durante o mes de marzo tivo lugar outra saída á Coruña. Gozaron desta actividade 74 persoas con discapacidad intelectual, prácticamente a totalidade dos usuarios de ASPADEX. Nesta ocasión gozaron do mundo acuático que nos ofrece o Aquarium Finisterrae, onde non só aprenderon con xogos manipulativos senón que tamén puideron ver e gozar de toda a rica fauna mariña que vive nas nosas costas. "Tocamos a pel do peixe melgacho, familia do tiburón, a pel era unha parte moi rasposa e a outra parte era moi suave, ¡que curioso!" son algúns dos comentarios que se escoitaron.
Despois de comer nun restaurante da zona, gozaron da gran variedade de aprendizaxes a través de xogos que ofrece o Domus da Coruña, destacando o visionado dunha película en 3D, que foi unha experiencia moi novedosa, como dirían algúns usuarios "¡todas as figuras estaban fóra da pantalla!" A xornada concluíu tomando un café na Praza María Pita, pois a maioría dos usuarios non a coñecían.
O programa de lecer está enmarcado dentro do convenio plurianual que a entidade asinou o ano pasado con Ferroatlántica.
Novas relacionadas
- Os usuarios de Aspadex poderán saír de acampada.
- 30 anos con Aspadex.
- Os usuarios de Aspadex fanse mecánicos co FP do IES Fernando Blanco.