mércores. 04.12.2024
El tiempo

Cee tamén loita, unido, por manter o Grumir

Cee tamén loita, unido, por manter o Grumir
grumir

Por Vimianzo, todos os partidos políticos xa se puxeron a traballar para manter Vimianzo como sede do Grumir ante o novo mapa de emerxencias e Protección Civil proposto pola Xunta. Unha redistribución que deixaría a única base comarcal en Ponteceso para dar cobertura ao territorio definido polos vértices de Carballo, Santa Comba e Cee.

Onte, o pleno do Concello de Cee aprobaba unha moción presentada pola Asemblea Nacionalista de Cee relativa á permanencia do Grupo Municipal de Intervención Rápida. Goberno e oposición votaron a favor, a pesar de que moitos xa consideran moi difícil mantelo.

Os responsables de Cee recordan que hai un elevado número de instalacións con alto risco de emerxencias, tanto de carácter público como privado. Entre as primeiras podemos citar o Porto de Brens, o maior de titularidade autonómica de Galicia, o hospital comarcal Virxe da Xunqueira, o polígono industrial, a estación depuradora de augas residuais (EDAR), catro centros de ensino, un mercado municipal de abastos, dous centros de día para discapacitados, duas garderías,… E entre os centros privados a maior factoría industrial da comarca (Ferroatlántica), varios hipermercados ou unha gasolineira en pleno casco urbano.

Destacan que" as solucións que semellan preverse da Consellaría da Presidencia para aqueles concellos coma o de Cee que posúen parque de bombeiros, de facer as veces de corpo substitutorio do GRUIMIR, non poden ser axeitadas. Primeiramente porque este parque ten un carácter intercomarcal (Fisterra, Soneira, Muros) e non municipal. Segundo, porque non realizan exactamente as mesmas funcións, sendo complementarios, e terceiro, e fundamental, porque mentres o GRUMIR é un servizo público e gratuíto integramente financiado pola administración, no caso dos bombeiros é sabido que moitas das saídas teñen unha tarifa que polo tanto supón un gasto, que en moitos dos casos non tería sentido cobrar".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios