O esforzo e a formación continua como receita de Julio Bazarra para seguir medrando

Da cultura do esforzo e superación sabe ben Julio López. O xerente da Estación de Servizo Bazarra lembra os anos da EXB, cando a súa dislexia lle provocaba bronca tras bronca dun profesorado falto de formación, que non entendía os procesos de aprendizaxe daquel rapaz que cando se poñía nervioso dubidaba de todo.
Co paso dos anos, despois de aprender a aprender, aquel esforzo titánico foise facendo máis doado, e a día de hoxe o seu compromiso coa formación continua é patente, como o demostra a Licenciatura de Dereito sacada o ano pasado na Universidade da Coruña, e o Curso de Posgrado en Xerencia de Riscos e Seguros 2024-2025 da Cátedra Fundación INADE e a propia UDC que acaba de rematar.
Superados os 50, comezou a estudiar ao mesmo tempo que o seu fillo e acabou graduándose uns días antes que a súa filla, creando “un ambiente de estudios durante as fins de semana incrible”. “Miña filla está facendo o doutorado e meu fillo un posgrao, e creo que saben que van ter que seguir estudando toda a vida, porque a día de hoxe a formación continua é fundamental”.
Julio rematou o posgrao cunha asistencia do 100% (clases venres e sábados, e exames semanais) e como terceiro mellor expediente, nun grupo cheo de profesionais do mundo do seguro, compatibilizando ademais coa xerencia da Estación e Servizo (non é estrano atopalo botando gasolina por mor das baixas), e a presidencia da Federación de Estacións de Servizo FEGAES da Coruña e a vicepresidenta galega.
”Estou moi satisfeito”, sinala sobre todo enfocado ao pleno proceso de expansión da axencia de Seguros que coordina e que actualmente forma parte da Axencia de Seguros Suevia, a Correduría de Seguros máis grande de Galicia. “Xa facer a carreira era algo importante e agora co postgrao vexo o froito de todo o que lle podo ofrecer aos meus clientes de seguros, sobre vantaxes, estudios personalizados, e vantaxas competitivas moi importantes”, explica. “Agora podo facer seguros máis complexos”.
Con todo, a unha persoa como el ao que non lle gusta estar relaxado, xa está pensando na seguinte. “Sempre hai algo que inventar, se non non estás vivo”, sinala aínda coa ilusión intacta dun neno de terminar a súa vida enriba do meu escenario. Xa ten dado ducias de conferencias, pero a súa ilusión máxima segue a ser a acabar como cantante dunha orquestra. “Ser cantante da Panorama sería o máximo para min”, recoñece sorprendendo a todos. Coñecéndoo, todo se andará.