Domingo. 13.10.2024
El tiempo

O "Foro Mirando por la Tierra" afonda unha reflexión sobre o futuro do turismo

Foro Mirando por la Tierra en Cee El futuro del turismo copia
O "Foro Mirando por la Tierra" afonda unha reflexión sobre o futuro do turismo

Trala celebración no Bela Fisterra das dúas primeiras xornadas do Foro Mirando por la Tierra (unha sobre a nova normalidade” e outra sobre os retos das políticas municipais), este mércores 14, dende as 10:00h a atención trasládase á Casa da Cultura de Cee (e retransmitido pola canle de Youtube).

O ambicioso proxecto de reflexión de Pepe Formoso e o Grupo Bela celebra unha nova sesión de debate, desta volta, arredor do “Futuro do Turismo”, analizando os retos máis difíciles dun dos sectores que máis ten sufrido coa pandemia e as novas oportunidades de negocio que se abren trala enorme crise.

O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal será o encargado da apertura. Tras ese comezo, o coloquio será dividido en tres bloques: “Os grandes actores”, “As novas oportunidades de negocio” e “O futuro do negocio clásico”

A partir das 10:00h participarán Terry Mederos (Directora de Innovación e Turismo Digital de Tenerife), que ofrecerá unha visión xeral do turismo internacional; Carlos García Lara (Director Xeral de Festas Maiores no concello de Sevilla), que analizará os grandes eventos tradicionais de España, centrándose na Feira de Abril; e Flavia Ramil (Xerente de Incolsa, turismo do concello de Santiago de Compostela), que valorará a realidade do sector nas grandes cidades.

Sobre ”As novas oportunidades de negocio” falarán Jullo Castro Marcote (Director do parador Costa da Morte), que ofrecerá a visión dunha cadea nacional; Leticia Lauffer (Directora de Wakalua, Grupo Globalia), que reflexionará sobre a reconversión das axencias de viaxes; David Tort (Head de Planeta Incentivo e Account Manager de Grandes Contas de American Express Global Business Travel), que falará do futuro das viaxes de incentivos e congresos; e Carmen Pita (Directora de Promoción de Turismo da Xunta de Galicia), que mostrará o punto de vista autonómico.

Para rematar, “O futuro do negocio clásico” proxectará, a partir das 12:15, o futuro de pequenos operadores hoteleiros, con Pepe Formoso (CEO Grupo Bela), o reto da gastronomía como motor turístico de calidade, con Manuel Costiña (Chef o Retiro da Costiña de Santa Comba) e o devir das compañías aéreas, con Guillermo González Vallina (Director de Vendas de Iberia en España, Portugal e Norte de áfrica).

A xornada finalizará preto das 14:00 coa intervención da alcaldesa do concello de Cee, Margarita Lamela, que lle poñerá o broche final a un evento que comezará ás 09:30 e no que tamén participará Antón Pombo como moderador.

Novas relacionadas

Comentarios