O HVdX acollerá un hospital de día oncolóxico

Máis importante aínda que a limpeza da fachada que o Sergas vai afrontar este 2025, é o investimento que vén de anunciar a Xunta para o Hospital Virxe da Xunqueira: 1,4 millóns de euros para a posta en marcha do Hospital de Día Oncolóxico.
Un centro que permitirá o acceso a tratamentos especializados para enfermidades oncolóxicas e hematolóxicas como quimioterapia e transfusións, sen necesidade de desprazamento nin de hospitalización prolongada. A previsión é a de atender ata 365 doentes ao ano, cunha poboación de referencia de 36.000 persoas.
A unidade permitirá ofrecer unnha atención integral e continuada, permitindo un enfoque multidisciplinar do tratamento do cancro, onde os pacientes poden recibir atención de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e outros profesionais nun só lugar, o que facilita un seguimento máis próximo e unha atención máis coordinada. A creación destes dispositivos asistenciais tamén posibilita a inclusión de programas de prevención e detección precoz, fundamental para mellorar os resultados dos enfermos de cancro.
“Estamos a falar dunha demanda histórica e moi reclamada, non só polos veciños de Cee, senón por toda a comarca. Significará un antes e un despois no tratamento deste tipo de enfermidades”, apuntou o voceiro do PP de Cee Jesús Picallo, que lamenta que a alcaldesa se quixese “apuntar un tanto que non lle corresponde”, e que criticou as “trabas municipais” para facelo posible.