Sábado. 07.09.2024
El tiempo

Unha maqueta moi especial para o Museo Fernando Blanco

José Manuel Marcote Caamaño coa maqueta no seu taller da Armada (Cee)
José Manuel Marcote Caamaño coa maqueta no seu taller da Armada (Cee)
Unha maqueta moi especial para o Museo Fernando Blanco

Ven de recibir a Fundación Fernando Blanco de Lema un agasallo moi especial. O señor José Manuel Marcote Caamaño fixo entrega á entidade ceense dunha fermosísima maqueta que reproduce o edificio da antiga Escola das Nenas (sede do actual Museo Fernando Blanco), a cal doou de xeito totalmente altruísta e desinteresado. Unha peza que se suma a todos os Tesouros da Fundación.

Perfectamente policromada, a réplica do inmoble, inaugurado no 1887 e ampliado no 1914, está elaborada completamente a man, empregando para elo chapa mariña e madeira das canas das bombas de palenque.   
A maqueta doada ao Museo é unha auténtica obra de arte e conta cun gran nivel de detalle en todos e cada un dos elementos que a conforman, destacando ademais das distintas partes do edificio (portas, ventás, zócalos, cornixas, cuberta...), o parque infantil da parte posterior (antigo patio de recreo da escola) no que non faltan as árbores e os distintos aparellos de xogos.
A obra doada quedará exposta no Museo para todos aqueles que queiran vir vela e admirala.

O señor José Manuel Marcote Caamaño, que conta con 83 anos, naceu en Estorde (Cee) e é veciño da Armada (Cee). Toda a súa vida profesional estivo dedicada á albanelaría, primeiro aquí, logo once tempadas nos cantóns de Thurgau e Lucerna en Suíza, para finalmente xubilarse na súa localidade natal. Sempre tivo como afección a pesca, pero a raíz do confinamento descubriu o que hoxe é o seu principal pasatempo (a talla da madeira) ao que deica o seu ben merecido tempo libre.

Como nos contaba orgulloso, comezou coa elaboración dunha pequena chalana, logo fixo a maqueta da súa casa da Armada, da igrexa de San Adrián de Toba, do cabazo que se atopa no Recheo de Cee, e ven de rematar a peza coa que nos acaba de obsequiar e que o tivo atarefado 6 meses.

Pero o señor José Manuel, meticuloso e perfeccionista, non ten “parada” e está xa embarcado nun novo proxecto, de maiores dimensións, e ligado tamén, curiosamente, á Fundación: unha reprodución do impoñente e centenario Instituto Fernando Blanco.

Dende a Fundación Fernando Blanco queren agradecer a súa doazón e, sobre todo, "o cariño que sabemos que o señor José Manuel puxo na elaboración da réplica dun inmoble que forma parte da historia recente da nosa localidade."    
 

Ver todos os Tesouros da Fundación

Comentarios