Medio millar de alumn@s da comarca uniranse ao Día da Ciencia na Rúa de Cee
Despois do éxito do ano pasado, convertendo o pavillón de Cee nun macrolaboratorio, o IES Fernando Blanco prepara xa o II Día da Ciencia na rúa.
A cita desenvolverase o mércores 29 de maio no pavillón de Cee e na que participarán preto de medio millar de alumnos e alumnas de diversos centros da contorna. Varios grupos amosarán unha unha serie de experimentos científicos, xogos matemáticos, proxectos,… ao restante alumnado destes centros ou mesmo a todo aquel que queira achegarse ao pavillón para botar unha ollada.
Ademais do centro organizador, participarán o IES Agra de Raíces, o CPR Manuela Rial (ambos de Cee), o IES Lamas de Castelo (Carnota), o IES Fin do camiño (Fisterra) e o IES Ramón Caamaño (Muxía).
Entre as actividades que se mostrarán, inclúense un simulador de ascensor, unha máquina que resolve sudokus, un panel de neumática, como funcionan algúns elementos dun coche, un levitador ultrasónico, experimentos de magnetismo, óptica e mecánica, un rosco científico, a construcción dun reloxio de sol, un obradoiro de instrumentos musicais, un obradoiro de cosméticos naturais, creación de “pasta de dentes de elefante”, enganos que podemos atopar sobre o contido de amidón en alimentos, experiencias con termoeléctricos, unha maqueta dunha célula, diversos proxectos de tecnoloxía, diversos xogos matemáticos, que é unha braquistócrona, medidas de pH, experiencias que teñen que ver ca densidade, ca tensión supercial dos líqudos entroutras actividades máis.