O pavillón de Cee convertiuse nun macrolaboratorio escolar
Unha xornada, que contou coa colaboración municipal, formulada polo centro para que o alumnado mellore a súa competencia comunicativa, científica e divulgativa.
Desde as 10 da mañá ata as 14:15 e pola tarde de 16:15 ata as 17:45 máis de 450 alumnos e alumnas do IES Agra de Raíces, IES Lamas de Castelo, CEIP Vila de Cee, CPR Manuela Rial e o do propio Fernando Blanco puideron ver e participar nos experimentos e xogos científicos que preparou o Club de Ciencia do Fernando Blanco.
Ao chegar ao Pavillón o alumnado era recibido polo profesorado do Fernando Blanco que lles explicaban o que ían ver e como tiñan que acceder aos diferentes stands. Posteriormente en grupos ían percorrendo os 12 postos onde alumnado do Club de Ciencia facían os experimentos e xogos científicos e explicaban en que consistían ademais de animalos a participar nos mesmos.
Houbo un stand onde se podían construír gafas 3D, outro no que se extraía o ADN dos amorodos e logo se podía ver a través do microscopio, noutro posto facíase unha actividade de esferificación de alimentos, houbo un taller de mecánica, construción de cúpulas de Leonardo, xogo do tamgram e de Torres de Hanoi, un Pasapalabra científico, etc.